Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

As linguas suman

ascroas — 14-06-2009 GTM +1 @ 22:32

Ante a campaña que o novo goberno da Xunta está a facer en contra da lingua galega, damos publicidade ao tríptico que os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino están a espallar.

A quen vai dirixido este tríptico?.- Vai dirixido a vós, PAIS E NAIS, que queredes o mellor para os vosos fillos e fillas e que sabedes que a mellor herdanza que lles podedes dar é unha boa educación.

Dirixímonos a vós...porque o galego é a lingua propia de Galicia; pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, crearon un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais da comunidade, que pode derivar nunha perigosa fractura social, porque COMO DOCENTES pensamos que vos debemos ofrecer información rigorosa para que poidades decidir o mellor para os vosos fillos e fillas.

Que está pasando? A situación actual é que o idioma que debería unirnos está sendo utilizado para separarnos nunha loita na que algunha xente busca a desaparición da nosa lingua do sistema educativo. Neste contexto, e ante a enquisa que vai realizar a Xunta, pensamos que é necesario que os pais e nais lle fagan saber á Consellería de Educación algo que parece do máis lóxico: que queremos que os nosos fillos e fillas dominen as dúas linguas e que, por tanto, o galego sexa tamén lingua da aprendizaxe.

1. O galego necesita aprenderse na escola . En Galicia temos dúas linguas e o sistema educativo debe conseguir que se dominen as dúas.
A escola ten que garantir que os nenos/as saiban por igual galego e castelán. Hoxe en día, para moitos nenos/as a escola é o único lugar no que conviven co galego. Por iso, xa que o galego precisa espazos de uso, é fundamental que, cando menos, a metade das materias se impartan no noso idioma. Porque, todos estamos de acordo, as linguas apréndense usándoas.
2. Saber galego axuda a aprender. Os especialistas en adquisición de linguas (Cummins, I. Vila, C. Baker...) demostran nos seus estudos que é máis fácil aprender unha nova lingua partindo doutras. Canto máis temperá é a introdución de novas linguas
mellor se consolidan. Se un alumno aprende nunha lingua poderá transferir os coñecementos a calquera outra (se aprende matemáticas en galego, poderá utilizar os seus coñecementos matemáticos en calquera outra lingua).

Sabiades que...

... o alumnado galego ten mellor dominio do castelán que a media española? O informe Pisa sinala que as comunidades con dúas linguas se sitúan por riba da media española en competencia en lingua castelá. Existen estudos que demostran que en Galicia os resultados obtidos polo alumnado son mellores que os doutras comunidades autónomas.

... o alumnado galego ten mellor dominio do inglés que a media española?

... o alumnado galego remata a secundaria máis capacitado que o doutras comunidades que teñen unha soa lingua? Seis premios nacionais de bacharelato e formación profesional deste ano foron para o alumnado galego, alumnado que se formou estudando materias en lingua galega.

O coñecemento das linguas internacionais é necesario, pero nin dinamarqueses, nin holandeses, nin islandeses...deixan de lado a súa lingua propia a pesar de teren poucos falantes. Todas as culturas entenden a lingua como un patrimonio que hai que protexer e do que sentirse orgullosos.
O galego é unha ponte para coñecer a lingua portuguesa e ábrenos as portas a un mercado próximo aos 300 millóns de persoas. Nun mundo fortemente competitivo onde os idiomas van ser básicos para abrirse camiño na vida, temos que ser conscientes todos nós
de que non nos podemos permitir o luxo de desprezar ningunha das nosas potencialidades lingüísticas.

Pontedeume, bastión da moral

ascroas — 16-05-2009 GTM +1 @ 00:12

internet.jpegNa pasada Semana Santa a páxina web do concello de Pontedeume estrenouse cunha nova de interese: a publicación do programa de procesións e demais actos relixiosos que a igrexa católica ía desenvolver nesas datas como xa é tradicional. Poucos concellos teñen a valentía de apostar decididamente polo apoio explícito a uns actos relixiosos. Fronte a aqueles que defenden o carácter laico da administración, o goberno local de Pontedeume, coherentemente co ideario defendido polo Partido Popular, non se arreda ante a ola profana que invade a sociedade actual.

Por se quedasen dúbidas da cruzada moral que Torrente está disposto a levar, anúnciase un novo acto que ten como fin preservar aos nosos xoves dos perigos reais que axexan detrás das pantallas dos ordenadores. Unha conferencia impartida por persoal da Garda Cívil que versará sobre "os perigos de internet".

Os pais e nais de Pontedeume podemos estar xa máis tranquilos. Non lles será doado aos pervertidos da rede contactar cos nosos fillos despois das interesantes recomendacións que recibiremos o próximo día 19. Propoñemos dende aquí novas medidas de protección par a xuventude: maior vixiancia nocturna para evitar actos deshonestos en lugares pouco transitados; promulgación dunha lei seca; prohibición da venda de preservativos que son un reclamo para a líbido; prohibición das reunións xuvenís despois das 10 da noite; restricións dos horarios para ver a televisión. E un longo etcétera.

Convencidos que os pais xa non temos autoridade sobre os nosos fillos e mentres estes non sexan responsables dos seus actos, debemos agradecer que sexa o alcalde quen abandere a educación dos rapaces eumeses. Pontedeume pode ser un modelo a exportar.

Alguén que sabe vivir

ascroas — 08-05-2009 GTM +1 @ 16:14
Esa frase "Saber Vivir" que dá título ao programa que presentaba (xa é pasado) Manuel Torreiglesias (antes Torre Iglesias) parecía ser tamén o núcleo central da filosofía que animaba a este insigne eumtorreiglesias.jpgés. Amante da boa vida e do luxo ostentoso pode presumir de ser o exemplo vivinte do home que partindo da nada chega a ter unha relevancia  e posición social que  traspasa a comarca das Andrade. Claro que para iso tivo que amasar antes algunha que outra fortuna. Agora a direcciópn de TVE acaba de despedilo por determinados excesos. Fontes do sector publicitario recoñecen que, nalgunhas ocasións, Torreiglesias "suxería un canon para el" á marxe da contratación oficial con TVE.
Os eumeses agardamos que este contratempo do ilustre (que non ilustrado) Torreiglesias non acrecente a crise económica que a nosa vila está sufrindo. Sabido é que este ex-presentador ten diversos negocios inmobiliarios en Pontedeume. E cabería dentro do posible que urbanizacións previstas na comarca, signo distintivo de calidade  onde os haxa, se fosen ao tacho por falta de recursos. Claro que algúns ecoloxistas locais seguro que tocarían palmas.

Policías locais contratados ilegalmente

ascroas — 04-05-2009 GTM +1 @ 15:30
policia-local.jpgAsí opina a Xunta de Galicia do Concello de Pontedeume. Antigamente os concellos podían contratar libremente un número indeterminado de policias locais auxiliares. Cunha nova lei aprobada en 2007 a contratación destes auxiliares non pode exceder do 50 % da plantilla. En Pontedeume, baluarte das ilegalidaes máis sonoras, esta cifra disparouse repetidas veces ata o punto de que foi advertido en 10 ocasións. E como sempre, as advertencias non significaron ningúin cambio na actitude do goberno de Pontedeume. A controvertida independencia do noso concello non pode ser cuestionada por medidas arbitrarias de organismos como a Xunta de Galicia.

Semana santa alternativa

ascroas — 11-04-2009 GTM +1 @ 10:17
Propoñemos dende aquí á Concellería de Cultura de Pontedeume que  para o próximo ano monte unha exposición deste artista chamado Jam Montoya facéndoa coincidir coa Semana Santa. Un xeito lúdico e transgresivo que faría as delicias dos non crentes, sector importante na nosa sociedade. montoya5.jpgmontoya-magdalena.jpgmontoya4.jpg
montoya1.jpgmontoya2.jpgmontoya3.jpg

A última cea

ascroas — 11-04-2009 GTM +1 @ 02:07
ultima-cea.jpgPontedeume non puido celebrar a Semana Santa.  Houbo que suspender algunhas procesións por mor da chuvia. ¿Por que El, sendo omnipotente, permitíu que chovese? Quizais a última cea alongouse demasiado.

Unha lección maxistral

ascroas — 29-03-2009 GTM +1 @ 16:40

Aquela rapaza adolescente chegou a casa algo desconcertada despois de escoitar ao seu profesor algo que debera calar. O cotilleo non tiña cabida na súa casa e non debería tela no colexio. Os seus pais educárona así e ela estaba moi satisfeita de ser distinta ao resto. Non había máis que enchufar a televisiòn e darse conta que airear os trapos sucios dos veciños era o pan noso de cada día.

Aquel día o profesor chegou a clase e anunciou aos alumnos as razóns polas que unha das rapazas levaba varios días sen asistir ao instituto. Estaba embarazada. E despois do chismorreo, a frivolidade: advertíu a dúas rapazas que elas poderían ser as seguintes.

Cando llo contou ao seu pai, este recordou inevitablemente a aqueles mestres que tivo nos anos sesenta, máis preocupados por velar pola moral cristiana que por educar.

E isto sucedeu nun instituto calquera, dunha vila calquera, como Pontedeume.

Que fan alí?

ascroas — 15-03-2009 GTM +1 @ 02:04

Dous xoves eumeses partiron esta semana para  Afganistán. Formaban parte dun continxente militar que ten por misión rematar o traballo que o exército dos U.S.A. non foi quen de executar, e nunca mellor dito.

Non cremos que estes rapaces, nin outros, deban participar nunha guerra que como todas é inxusta, innecesaria e só provoca sufrimento aos que menos culpan teñen. O seu lugar está onde os seus amigos e familiares, socializándose, formándose e gozando da vida. Todo o contrario do que supón van facer nun país arrasado pola guerra e a miseria.

Seguro que lles dixeron que a súa era unha misión humanitaria. Poucas veces a hipocrisía dos militares chegou tan lonxe para xustificar as barbaridades dos conflitos bélicos. Poucas veces os políticos se amosaron tan fachendosos á hora de dobregarse ante o poder do imperio. E como sempre, os inocentes pagando os excesos.

A estas horas moitos xoves eumeses están a disfrutar da noite no xardín de Lombardero, no peirao ou na alameda de Raxoi. Pero outros dous están sufrindo unha situación que lles sobrepasa, que non buscaron e que non entenden.

Todos os homes e mulleres do mundo debemos pedir o seu regreso. Queremos telos connosco. E aos afganos hai que procurarlles saúde, progreso e formación. Algo que os exércitos non posúen.

A nova Lei do Comercio

ascroas — 08-03-2009 GTM +1 @ 19:29

rebaixas.jpgHai un novo proxecto da Lei do Comercio implantada polo goberno español. Ata agora as grandes superficies comerciais, léase Alcampo, Carrefour, etc, debían contar cun permiso das respectivas comunidades autónomas para instalarse en calquera delas. Catalunya é unha das comunidades que máis trabas lles puxo a estas multinacionais para asentarse no seu chan. Galiza tamén. A razón é ben doada de entender: a defensa do pequeno comercio que sustenta a milleiros de autónomos e moitas máis familias.

Pero de repente o panorama vislúmbrase distinto. A nova lei do comercio vai sacar ás autonomías a prerrogativa que tiñan de impedir estes novos mastodontes comerciais. E suponse que pola presión dos grandes holdings

que os avalan.

O comercio eumés, máis preocupado polos aparcadoiros que pola mellora dos seus locais e servizos, non parece enteirarse desta perigosa normativa. Aos comerciantes pequenos do pequeno comercio pásalles o que aos afiliados dos partidos políticos: móvense por consignas. Alguén díxolles hai tempo que os males do comercio en Pontedeume eran as inexistentes prazas para aparcar. Eles, máis cheos de fé que de razóns, comulgaron con esa idea.

Pero que pasaría se de súpeto un Carrefour, por exemplo, se instalase neste concello? Quen siga habitualmente as noticias de Pontedeume estará ao corriente da posibilidade de que os solares que ocupa Einsa en Andrade pasen a ser solo industrial ou comercial. E consecuentemente sexan adquiridos por unha destas multinacionais para facer o agosto a costa dos pequenos comerciantes, un sector maioritario en Pontedeume que outrora gozou dun esplendor que hoxe é decrepitude.

Sempre poden aproveitar os nosos tendeiros a súa experiencia para opositar a unha praza de caixeiro nun destes hipermercados.

Receitas eumesas

ascroas — 17-02-2009 GTM +1 @ 13:22

POLO AO CONCELLEIRO

Ingredientes:

- Un polo
- Un despacho
- Un par de chourizos

Preparación:

- Cóllese o polo.
- Colócase nun despacho.
- Rodéase de chourizos.
- Déixase ao seu antollo.
- El só vaise facendo rico, rico, rico.