FILLOS ADOPTIVOS
Belarmino Freire, alcalde de Pontedeume, vai nomear fillos adoptivos desta vila a D. José Luís Méndez e D. José Cascón Raposo, banqueiro e párroco respectivamente. Para iso necesita os votos da corporación e fanse apostas sobre se os socialistas e nacionalistas, de dubidosa ideoloxía laica e anticapitalista, votarán a favor desta proposta.
O tema das adopcións é un tema complicado sobre todo para os pais que desexan facerse cargo de pequenos desamparados, e fundamentalmente polos longos períodos de espera antes de exercer como proxenitores. Claro que aquí os papeis poden estar cambiados e os proxenitores poden chegar a ser os fillos, Méndez e Raposo. Proxenitores de quen? Vaia vostede a saber.
A adopción por parte dos concellos debería estar regulada por normas estrictas como as que atinxen aos pais adoptivos. En prevención de males maiores. Temos exemplos de fillos adoptivos que non fixeron máis que crear problemas aos seus proxenitores. Lembremos o caso de Martínez Pérez, propietario de EINSA, que como un Caín mal avenido tentou deixar sen traballo aos seus irmáns, os outros fillos de Pontedeume, os lexítimos.
En primeiro lugar deberiase facer un seguimento das capacidades tanto económicas como mentais dos alcaldes adoptivos. Non vaia ser que logo non podan atender os caprichos dos seus "fillos". Imaxinemos que o párroco quere insistentemente e caprichosamente , como un fillo mal criado, que o concello promova a castidade e xustifique a pobreza; e o banqueiro lle exixa que protexa a cobiza. Que ideólogo vai compaxinar ámbalas dúas apetencias?
Tamén a exixencia de plenas capacidades mentais é unha forma de preservar a saúde emocional dos adoptados e adoptantes. A convivencia dun banqueiro e un párroco, aínda que semellantes entre si, co alcalde e demais familiares da corporación, pode alterar a personalidade dos que están chamados a rexer os destinos do noso concello, levándoos a pensar que a xestión do ente público pasa polo uso indiscriminado da hostia e da Visa.

Chúzao
del.icio.us

