Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Xuño 2007

C.O.E.

ascroas 24/06/2007 @ 22:35
sande.jpgQuizais un dos maiores misterios da vila dos Andrade sexa o C.O.E. (Círculo de Opinión Eumés). Unha agrupación de amigos que un día deciden xuntarse para criticar ao alcalde. E fano lanzando unhas octavillas que se distinguían pola simplicidade dos plantexamentos, cun candor propio de profanos en política e de quen menospreza aos lectores.
Por que non se ruborizaba o que escribía aqueles panfletos, será outro dos misterios que acompañen a este grupo. Escasos de ideas, non se cansaban de denunciar os soldos cobrados polo alcalde e teniente de alcalde. Agora que ocupan parte do consistorio en calidade de gobernantes, reclaman para si, tamén sen rubor, os soldos dos anteriores rexedores. A súa cabeza visíbel, Fernado Gª Sande (aos outros do COE nunca se lles víu nin escoitou), o xustifica matizando os escritos de antaño. Cando eles denunciaban os soldos de Belarmino Freire e Manuel Rei, realmente estaban a denunciar que non sudasen eses salarios. Esa falta de concreción na escrita, que descubre unha insuficiencia cultural (non confundir con deficiencia), permite a este novo gobernante terxiversar ao seu gusto os significados.
Non se pode criticar ao COE porque fan o único que saben facer: buscar un espazo dentro da política municipal. E os medios non son o importante, sono os fins. Que hai que mentir, míntese; que hai que cotillear, cotilléase; que hai que finxir, fínxese. Non fan nada distinto do que a maioría da sociedade está afeita a contemplar na clase política local, nacional ou estatal. Dunha forma máis chabacana quizais, estilo programa cotilla de TV, pero no fondo igual de soez.
As críticas hai que dirixilas aos que, co seu voto, permiten que a chabacanería se instale na vida política de Pontedeume. Parece ser este un lugar onde se premia insistentemente á mediocridade. Algúns os verán simpáticos; outros, representantes do folclore eumés.

BELARMINO

ascroas 16/06/2007 @ 00:32
belarmino.jpgDende os antigos faraóns ata Paco Vázquez, todos os mandatarios tiveron unha debilidade común chamada megalomanía. Un delirio de grandeza que os levou a perpetuar a súa memoria en forma de grandes obras. O ata agora alcalde de Pontedeume, Belarmino Freire, non quixo ser menos e abofé que o conseguíu. Se algo destaca nesta vila hoxe en día é o "mamotreto" de Caldagueiro e o rañaceos a carón da oficina de Correos.
Vinte anos dan para moito, ou iso pensamos. Mais no caso de Belarmino non foi así. Parece que as únicas obras que abordou foron as antes citadas. Lembramos que nas eleccións do ano 2003 este ilustre eumés xa fixera ademán de non presentarse pero finalmente optou pola reelección. Non podía abandonar o despacho sen deixar a impronta dos grandes monumentos. Esta decisión desacertada levouno a soportar a humillación de ser "prescindido" polo seu partido. Foron precisamente as obras de cemento as que puxeron en pé de guerra aos cidadáns eumeses e consecuentemente favoreceron a súa defenestración por parte do partido socialista.
Nada fácil de asumir por quen, imbuído de certo carisma mesiánico, aspiraba a ser recordado como o mellor alcalde de Pontedeume. Comprendemos así a reacción deste rexedor que critica ao seu sucesor e apunta como causa do descalabro electoral a personalidade de Vilariño por todos coñecida. Un maestro rencoroso co seu alumno díscolo, así é a imaxe que se transmite neste momento histórico de Pontedeume.
Se algo distingue a Belarmino doutros alcaldes é o seu sentido modernista da vida. Nada reacio aos novos modelos de cidades, non ten inconvinte en afirmar que "nuestro pasado histórico y monumental nos ha jugado una mala pasada. Teníamos la solución [un párking subterráneo en el mercado], pero no pudimos aplicarla [Patrimonio paralizó el proyecto en el casco histórico]." Como se vé, vale máis coche en subterráneo que patrimonio voando. Pensaría, con razón, que os monumentos non recibirían visitantes se estes non teñen onde aparcar. Ademais, como din moitos pragmáticos da vila, as antigallas son unha rémora do pasado que só deleitan a parásitos sociais como ecoloxistas e intelectuais.
Non sabemos cal será o futuro de Belarmino Freire. Pode que se deleite en longos paseos pola estrada de Centroña, na que o sol non será un impedimento para contemplar as xoias arquitectónicas eumesas.

PALESTINA

ascroas 03/06/2007 @ 00:15
Cando se pretende facer un retrato dunha vila como Pontedeume hai que asumir que as fronteiras non existen. A solidariedade non ten límites cando se trata de grandes inxustizas. Todos somos palestinos. Mesmo en Pontedeume convivimos eumeses con palestinos, aínda que é dificil establecer esa diferencia para os que pensamos que todos pertencemos á mesma especie. A especie humana que ás veces nos avergoña e outras nos enorgullece.

FIN DO AMOR

ascroas 02/06/2007 @ 01:51
belarmino_rei.jpgAquela parella pasaba por ser das máis avenidas da vila. Sempre xuntos e sempre piropeándose. Como toda boa parella que se prece, mantiñan un punto de vista común sobre os problemas diarios, sobre todo cando estaban acompañados dos amigos ou coñecidos. Mais un bo día, sen motivo aparente, deciden separarse. A partir dese intre a guerra foi cruel e sanguinaria. Non tiñan ningún reparo en amosar as súas diferencias ante os demais, diferencias acompañadas de insultos e descalificacións. Por outra banda, a ninguén lle estrañaba esta actitude tan estendida entre as separacións conxugais. Non se comprendía pero se aceptaba este cambio brusco de comportamento nos divorcios incívicos.
Os sociólogos expertos achácano á rabia acumulada, agochada, en tantos anos de convivencia; outros falan de perversión social do xénero humano. Non interesa aquí coñecer as causas pero podemos afrimar que é un comportamento que sobrepasa ao débito conxugal. Os partidos, ou mellor os seus militantes, tamén adoecen desta irracionalidade propia das parellas. E sen deitarxe xuntos, o que nos leva a pensar que non é un problema sexual. Máis ben o sexo podería ser un remedio a esta convivencia sen que con isto pretendamos dicir que os políticos deberían xacer xuntos.
Todo isto ben a conto de que agora que as eleccións en Pontedeume destaparon as desavenencias entre os membros do anterior equipo de goberno. Manuel Rei confesa que o pacto con Chacho Agras foi un desastre; este que o BNG fallou no goberno e é responsábel da súa liquidación. Ademais denuncia que o único que traballaba no BNG era Tino Regueiro, e botárono. E todo anunciado a bombo e platillo nos medios de comunicación.
Nós somos da opinión que o marido (ou muller) que chega tarde á conclusión de que a súa parella era unha teterella é tan responsábel como ela do engano. Supónselle unha madurez para saber con quen se deita. Se non é así non pode reprocharlle contaxiarlle calquer enfermidade. Rei debería saber das infidelidades políticas de Chacho; este dos desvaríos emocionais de Rei. No medio, Belarmino como o crego que os amancebou sen preparalos previamente para un matrimonio estéril como logo demostrou ser. E Tino, o cuarto en discordia, causante dos celos entre Agras e Rei.
Xa o dicía Groucho Marx: a principal causa do divorcio é o matrimonio. Sobre todo, engadimos nós, se se trata dun matrimonio de conveniencia.