Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Setembro 2007

CANDO UN NOTARIO SE VAI...

ascroas 23/09/2007 @ 23:19

notario.jpgUnha canción de Alberto Cortez decribía con pena a marcha dun amigo. "Cuando un amigo se va, queda un espacio vacío que no lo puede llenar la llegada de otro amigo"

Isto foi o que deberon pensar moitos dos comensais que acudiron a unha cea de despedida. Quen se marcha neste caso é un notario. E por suposto os invitados estaban tristes porque "cando un amigo se va, queda un espacio vacío..." Ademais non é tan doado atopar amigos hoxe en día. Polo menos amigos que teñan o poder dos notarios. Unha mágoa para moitos que terán que facerse un oco na axenda do substituto, volver a empezar. Entre os invitados habíaos de moita condición e estirpe. Por suposto non podían faltar promotores inmobiliarios. "Cuando un amigo se va, queda un terreno baldío..." Tamén estaban políticos e ex-políticos. Compañeiros das farras nocturnas, " Cuando un amigo se va, se detienen los caminos y se empieza a rebelar el duende manso del vino". Moitas palabras de agradecemento para o que dirixíu unha notaría. Un lugar este no que se escribe algo da historia das vilas. Polas notarías pasan os que inciden na vida política e social dos pobos. Nelas valídanse contratos, acordos, herdanzas, hipotecas (bancarias e doutro tipo), expropiacións. Operacións que enriquecen a uns e empobrecen a outros.

Estaban á mesa os que gozan dun estatus social (aparente) e os que ansían acadalo. Os que buscan a proximidade da lei para sentirse protexidos cando a infrinxen. Os que cunha copa na man fan guiños para seducir. Os que queren pechar un negocio no último instante. Os que teñen pendentes asinar unha escritura de compra-venta dun terreo urbanizábel, ou non urbanizábel pero coa firme decisión de construir nel. Os que buscan un apoio para catapultarse ao poder. Os interesados. Os mediocres e oportunistas. Os que foron representantes da España franquista xunto cos novos demócratas.

Non estaba Pilar, a veciña desafiuzada da súa vivenda. Tampouco aquel traballador que pedíu un préstamo bancario para mercar a súa modesta vivenda e necesitou comprometerse co banco ante a mirada severa do notario. Nin o meu amigo Xan que se hipotecou coa compra dun tractor.



 


CATACUMBAS

ascroas 09/09/2007 @ 02:01

tunel.jpgParece que certos "estudosos" do comportamento humano están convencidos da tendencia innata a refuxiarse  na terra ante a aparición de calquer perigo. Os soldados cavan trincheiras para protexerse do inimigo; Hitler construíu un bunker baixo terra; as catacumbas servían de refuxio aos antigos cristiáns ante a persecución dos romanos. Incapaces de facer fronte ao imperio, os crentes optaban por agocharse baixo terra, nun ensaio do que sería o fin da vida. Para os romanos quedaba a luz; para os cristiáns, as tebras.

Entre os que están convencidos do inevitábel desta conduta está o alcalde de Pontedeume. Convencido do grave perigo que entraña o excesivo número de automobeis para os, ata hai pouco, afortunados eumeses, decidíu cavar un paso subterraneo polo que poder comunicar os dous sectores nos que Pontedeume vai quedar dividido por mor das rotondas previstas.

Os cidadáns, afeitos xa á escuridade, se protexerán así da ameaza cada vez máis real dos vehículos. Temos que recoñecer que ante a industria automobilístca non somos máis que simples consumidores agradecidos por permitirnos movernos con facilidade dunha cidade a outra, dunha esquina a outra. De agradecidos é pois ceder a luz aos vehículos e conformarnos coas tebras subterraneas.

Pero que non se pense que o noso conformismo é gratuito. Esixiremos, como non, que se prohiba mexar nos pasos subterraneos e que estean dotados de candís para evitar asaltos. Se temos que descender de nivel queremos facelo con hixiene e seguridade.