Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Outubro 2007

A TAN NECESARIA MEMORIA HISTÓRICA

ascroas 28/10/2007 @ 01:02

agras_franco_sardina.jpg

Necesaria porque algúns parecen ter síntomas de Alzheimer. Iso polo menos é o que lle pasa a Agras, o concelleiro "independente" de Pontedeume. (Na foto rendendo pleitesía ao Caudillo ante a atenta mirada de Sardiña)

No pasado pleno os concelleiros do PP e COE negáronse a tratar o tema da Memoria Histórica que reclamaba o BNG. Querían estes formar unha comisión que restituíse a dignidade dos represaliados polo franquismo e procedese a retirar toda a simboloxía do anterior réxime. Cuestión de matices pero é necesario aclarar que a dignidade dos mortos non é preciso restituila porque nunca a perderon, polo menos na mente dos que defendemos a legalidade do réxime republicano. O que hai que recuperar é a memoria dos que entregaron a vida pola república. Tamén nos facemos algunha pregunta porque non entendemos a oportunidade do BNG de reclamar algo que estivo nas súas mans facelo hai uns poucos meses. En decembro do 2006 escribiamos aquí a necesidade de que o goberno local, daquela en mans do PSOE e BNG, tomasen medidas para honrar a memoria espoliada dos represaliados. Non deberon ler as nosas liñas os ilustres concelleiros, ocupados como estaban en asinar a destro e sinistro licenzas urbanísticas.

Naquel escrito dabamos conta de varios homes e mulleres asasinados de Pontedeume polos falanxistas. Entre eles, familiares do anterior alcalde popular e do incombustíbel concelleiro Agras. Resulta difícil comprender a empatía dos que perdendo aos seus pàis e irmáns son capaces de identificarse cos torturadores e asasinos. Chacho Agras síntese efectado pola negativa do alcalde a formar a comisión pedida, a razónao a base de lembrar que o seu pai e irmán foron asasinados durante a guerra. Porén non recorda que foi nomeado concelleiro polo goberno franquista e, como tal, firme defensor do sistema que representaba. Tal era a súa afinidade que propuxo que a corporación municipal colocase unha placa conmemorativa que perpetuase a estadía nesta vila do que no seu día foi nomeado Rexedor Perpetuo do Concello de Pontedeume, excelentísimo Sr. D. Francisco Franco Bahamonde, xefe do estado español e xeneralísimo dos exércitos.

Reivindicamos unha lei da memoria histórica pero máis completa do que o PSOE, no Estado, e o BNG, en Pontedeume, reclaman. Unha lei que permita a señores como Agras recordar que foron colaboradores dun réxime que asesinou aos seus seres máis queridos.

E unha última reflexión. O Concello de Pontedeume nomeou rexedor perpetuo a aquel xeneral que non tremía cando tiña que asinar as sentenzas de morte. Tampouco o BNG cando estaba no goberno tivo a sensibilidade de lembrar este feito e pedir a revogación por parte do Concello de tan ilustre título. Desexamos facer extensíbel esta lei ao BNG.

 

PO E SOIDADE

ascroas 15/10/2007 @ 20:27

iraq.jpgCo permiso da súa autora, unha rapaza eumesa de 15 anos, publicamos un traballo que desminte a idea dunha xuventude alienada, insolidaria e egoísta. A idea foi concebida despois de ler no xornal unha nova que daba conta da masacre producida por un caza-bombardeiro estadounidense sobre un campo no que xogaban uns rapaces iraquíes.

PO E SOIDADE

Oito da tarde. En pleno crepúsculo dourado, os últimos cálidos raios dun sol resplandeciente parecen querer esconderse para sempre da guerra fuxindo tras a montaña. Omar, un neno de oito anos iraquí, decide saír a xogar co previo consentimento dos seus pais, os cales consideran terminada o labor doméstico do seu fillo nun atosigante día de tarefas. O abafador traballo pola supervivencia da familia, afeitos xa a dar o mellor de si en corpo e alma, vese acentuado por un desasosegante ambiente de violencia, sangue, tiroteos, bombardeos... que emanan unha continua sensación de temor que parece flotar sobre un aire xa tinguido de pólvora, invadíndoo de desesperación. Este último termo sería o que mellor definiría as vidas dunha pobre familia de tres fillos, Asif, de tres anos, Azzaraia, de seis, e o maior deles, con tan deplorables condicións que lles priva de poderlle chamar a esta, "vida". Ninguén é coñecedor da cantidade de nenos que alí soñan cun país no que non existe a corrupción, o dano, as bágoas, un lugar saciado de flores, harmonía, alegría e evidentemente paz. As flores. Esas que fan que todo paisaxe se torne de felicidade. Case un estraño ser para eles que parece correr perigo de extinción nas súas tan áridas e desertas terras saturadas de po e soidade. Sen apenas lugares nos que xogar, este é o instante do día no que logran absterse, por pouco que sexa, dun mundo no que o odio é o único elemento que parece reinar. Minutos curtos pero marabillosos que esperan cun afán descoñecido e invádenlles de entusiasmo, aínda máis recalcado pola rapidez coa que ven aproximarse á noite, momento no que os únicos capaces de proporcionarlles algo de acougo son o discreto silencio e a penetrante escuridade. Nesta parecen flotar nunha máxica e total inconsciencia, sempre que o seu soño non se vexa irrompido por terroríficas imaxes froito da violencia. Final dun día máis con vida. Un fenómeno paranormal. Xa ás portas do seu chamizo de pedra avermellada, Omar dá o primeiro e tan esperado paso cara ao exterior para dirixirse con xúbilo e sen preámbulos ao momento de encontro cos seus amigos. Ao momento que cruza o patio valado onde a familia garda o pouco gando ovino que posúe, no seu precioso e moreno rostro debúxase o máis amplo sorriso que se poida imaxinar, deixando visible unha grande e vistosa dentadura capaz de enfeitizar a calquera co seu resplandor. Os seus perfectos ollos azabache emanan por primeira vez unha intensa felicidade que facía moito tempo non se percibía neles. A pesar do pesadume dun ambiente inhumano e do cansazo de todo o traballo do día, aínda lle quedan forzas para poder tolerar un rápido camiñar. Traspasa o valo do patio e segue un carreiro case deserto bañado en grava cor ocre, onde o único que parece darlle un pouco de vida á paisaxe é un Cedro do Líbano con escasas follas situado nun dos bordos do traxecto. A admirable posta de sol faille recordar a Omar que debe volver a casa antes da caída da noite total, por orde explícita da súa nai e pai. Os cálidos raios, que tornan a súa parda pel dunha estraña cor ámbar, fan sentirlle unha sensación moi agradable de xúbilo. A medida que camiña vai aumentando a súa sede por atoparse por fin cos seus amigos. Pasa as pobres casas da veciñanza e percibe un deleitoso cheiro a comida recentemente feita, o que lle fai reflexionar que a maioría dos paisanos, xa no interior do seu fogar, deben de rematar o seu labor gandeiro. Isto recórdalle a pésima cea que no seu teito estará, como habitualmente, esperando ao seu regreso: o típico prato de arroz branco e pan. Pero Omar xa está afeito. Calquera neno ou nena iraquí está educado a saber conformarse co que ten, e non só a iso, senón a conseguilo pola súa propia man. Aos poucos aproxímase ao por todos coñecido e temido campo minado, e nel, de lonxe, divisa un pequeno vulto inmóbil que se asemella a un cadáver. O primeiro que lle vén á cabeza é que probablemente fose un forasteiro, xa que o descoñecemento destes da existencia de tal campo fai que lamentablemente sexa habitual a observación nas distancias dun corpo sen vida dalgún deles. É frecuente entón que nenos, por pura ignorancia e inxenuidade, intenten penetrar neste corredor da morte para recadar as pertenzas, xa sexan materiais ou mellor aínda, alimentarias, do devandito defunto. Non son poucas as persoas que perden fortuitamente unha perna, xa sexan dúas ou a vida enteira. Pero Omar ten terminantemente prohibido este tipo de colleita de bens. Prefire seguir a súa traxectoria e non castigar á súa familia coa tortura orixinada pola morte dun fillo. Os seus pés, protexidos por unhas deplorables sandalias de esparto, dóenlle cada vez máis a medida que avanza e unhas pequenas bochas parecen querer aflorar das súas corroídas solas. Pero nada impide o magno desexo do esperado encontro. Á súa fronte advirte un carro que se aproxima lentamente tirado por un abatido burricán. No alto, un xa ancián e canoso aldeán anima con ímpeto a que o pobre animal tome un pouco máis de velocidade. Omar asemella o seu cansazo co do asno e nun súbito e amargo instante vese identificado con el. Esta incomodísima sensación faille sacar forzas dun xeito inexplicable obrigándoo a apresurar o seu paso o máis posible. A penas queda nada para chegar, serpentea unha curva á esquerda e por fin tópase coa acolledora extensión de terreo onde acostuman xogar. Unhas bastas porterías fabricadas manualmente con paus situadas a ambos os extremos do terreo cuadrangular é o único sobresaliente. No centro, un grupo de seis rapaces da súa idade que comezaron xa o partido advirten alegrados a presenza do seu amigo e suspenden o xogo temporalmente para recibilo impacientemente cos brazos abertos. Cun garrafal sorriso e coma se a simple visión dos seus compañeiros fose o mellor agasallo que lle puidesen facer ao final dun día infernal, incorpórase rapidamente ao xogo. Os nenos corren detrás do balón risoños e radiantes de alegría, case en estado de éxtase, sentindo que son completamente libres logo dun tempo infinito. Parece flotar unha atmosfera colmada dunha descoñecida maxia palpitante, invisibles ondas vibrantes de suprema exultación. Por fin, nun pequenísimo lugar de toda a gran extensión iraquí, parece desaparecer o odio que constantemente permanece no país. Pero algo marchita a marabillosa paisaxe que se está vivindo, algo sobrevoa a gran altura polo aire. Quizais, un caza-bombardeiro, pensan as inocentes criaturas sacándolle importancia. Afeitos xa a observalos semanalmente, continúan o seu xogo sen preocupacións. Pero agora, "outro algo" si lles fai deterse. Un ruído impoñente. Unha considerable explosión a uns trescentos metros da súa zona de xogos tivo lugar. A palidez invade os seus rostros. Completamente paralizados, excepto polo movemento dos seus estremecementos, observan aproximarse a un grupo de tres avións estadounidenses máis. Agora, esas escuras siluetas en forma de paxaro xigantesco, adoptan un aspecto horrible. Dúas bombas caen aínda máis próximas que a anterior, a algo menos de cen metros. As súas pernas parecen non poder moverse a causa do terror que invade os seus corpos, pero conseguen facerlles fronte e comezar a correr. O ruído das explosións é agora máis próximo que nunca. Omar mira ás súas costas e repara nun gran cráter situado no centro do campo, onde estiveran xogando instantes antes. Tres pequenos corpiños xacen na súa superficie, esnaquizados. As bágoas flúen na delicada cara de Omar, borrando toda pincelada de alegría que antes tiña. O odio e a dor corroen o seu corpo, tremente de tormento, agonía... Estes segundos de pasividade adicados instintivamente aos seus amigos fan que unha explosión faga saír despedido a Omar polo aire. O meniño que antes non quixera arriscar a súa vida no campo minado por respecto á súa familia. Agora, no chan, inconsciente para sempre. Agora, morto involuntariamente.

A.