Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Novembro 2007

Expansión internacional de empresas eumesas

ascroas 12/11/2007 @ 23:43

pulpo.jpgUnha empresa descoñecida para a maior parte dos veciños eumeses chámase GT Motive e sen embargo non é máis que unha filial de Einsa. As empresas son cada vez máis como cefalópodos de augas moi profundas dotados de innumerabeis tentáculos, autónomos entre si. Agora esta nova face do grupo Martínez vai expansionarse por Europa, concretamente Francia, e no 2009 en Italia ou Alemaña. Para iso vai investir a módica cifra de 7 millóns de euros. Entre os directivos que capitanearán esta aventura empresarial están, ademais do director xeral José María Castelo, as novas fichaxes José María Castellano (ex-Inditex) e Javier Riera (ex-PSA Peugeot Citroën Vigo). Todos eles pesos pesados do mundo das finanzas. Anuncian que haberá un back office centralizado en Pontedeume.

GT Motive comezou a súa actividadae en 1971 e o seu volume de negocios creceu a un ritmo do 20 % anual nos últimos tres anos, segundo o Sr. Castelo. O que non foi óbice para que a empresa solicitase unha regulación de emprego que deixaría sen traballo a unha boa parte dos seus operarios. Quizais sexa este o prezo a pagar para que as empresas poidan expansionarse e deixar no extranxeiro a impronta eumesa. O que se perde por un lado, gáñase polo outro. Quizais sexa hora de retomar a iniciativa do anterior goberno municipal e outorgar o título de fillo predilecto a este ilustre empresario capaz de poñer unha pica eumesa en Flandes.

Por un novo concepto de reciclaxe

ascroas 06/11/2007 @ 21:32

lixo1.jpgO Concello de Pontedeume anuncia que vai tomar medidas contra os que deixen as bolsas de lixo na rúa. Parece ser que este é un costume, quizais tradición, que xa practicaban os eumeses de antaño. Sempre fomos un pobo tranquilo, cómodo e pachorrón. Cando non había contenedores, algúns veciños lanzaban a bolsa pola fiestra. Coa chegada dos depósitos, outros consideraron que se rompía unha antiga práctica e seguiron depositando as bolsas no chan. Hoxe, despois de conseguir que Pontedeume dispoña de contenedores subterráneos, a veciñanza non se amolda ás novas tecnoloxías do lixo.

Pode parecer que estamos ante un caso de vila pouco civilizada mais o certo é que se trata dun hábito cheo de solera e folclore, algo que os antropólogos poderían estudar. O Concello de Pontedeume, en lugar de sancionar aos que así actúan, debería subvencionar un estudo sesudo desta actividade. Coa debida propaganda poderiase atraer gran número de visitantes ávidos de coñecer in situ o carácter dunha vila medieval. Podemos asegurar que non hai parangón noutras localidades europeas, nin siquera españolas. Os estresados habitantes de Madrid (por poñer un exemplo) descargarían a adrenalina tratando de sortear as bolsas de lixo cales bombas de racimo. Unha experiencia inigualábel que repercutiría nas arcas do sector hostaleiro, queixoso dos malos resultados económicos pola falta de aparcadoiro.

Temos a materia prima, a merda que inunda as nosas rúas. Aproveitémola como pobo mercantilista que somos.