A belixerancia da igrexa
En poucos países a igrexa católica tivo o atrevemento de saír á rúa para combatir ás forzas do mal, representadas neste caso no goberno de Zapatero. Noutros avatares históricos demostraron estar dispostos a salvar as almas aínda que para iso os golpistas como Franco ou Pinochet tivesen que asasinar a uns cantos cidadáns que se opoñían á inxerencia da relixión na vida social dos pobos. Agora, dando un paso máis, se enfrentan ao goberno a poucos meses das eleccións. O que nos leva a pensar que Rajoy será o próximo presidente. Sabemos dende sempre que os enviados de Deus na terra non toleran, despreciando as ensinanzas de Xesús sobre a tolerancia, o homosexualismo, o laicismo, a prostitución, o aborto, o divorcio, e un longo etcétera. Pola contra xustifican a pederastia e gardan silencio ante os parricidios cometidos como manifestación salvaxe do divorcio.
Domingo Blasco, do Foro de la Familia, dixo: "No dejéis el corazón y la cabeza de vuestros hijos en manos de nadie y menos del Estado". Debería engadir: tampouco en mans dos cregos pederastas. Que habelos, hainos. Porque "o que se mama de nenos, nunca se olvidará", palabras textuais da folla parroquial de Pontedeume. E un galego dos que fan historia, Rouco Varela, dixo que España debe ser evanxelizada. Hai xa 70 anos a igrexa española calificou á sedición franquista de cruzada para evanxelizar o país e liberala do ateísmo. Se é certo que a historia se repite por períodos cíclicos, será mellor empezar a preocuparse.

Chúzao
del.icio.us
