Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Xaneiro 2008

Un explosivo moi económico

ascroas 23/01/2008 @ 16:34
movida.jpg
Hai pouco liamos que a idade media de iniciación ás relacións sexuais era de 14,5 anos. Unha idade similar ao do resto dos xoves europeos. O que confirma que os nosos rapaces están imparabeis e dispostos a comerse (ou beberse) o mundo. Fan gala dunha precocidade que non podemos menos que aplaudir. Polo menos nestes menesteres e sempre que se tomen as oportunas medidas. Outra cousa é que a anticipación sexa en campos máis perigosos que o sexo. E en Pontedeume hai moito avance pero non o desexábel.
Este pobo é famoso entre outras cousas pola movida nocturna. Algo indiscutíbel se temos en conta que a Xunta dispón de autobuses para que os xoves poidan desprazarse a esta vila sen recorrer aos coches particulares, evitando así un perigo serio que cada vez se cobra máis vidas nas estradas. Claro que as mortes polo alcohol tampouco son algo baladí neste país. Pero esa é outra batalla que aínda está por librar e que, como outras batallas, é dificil de encarar polos grandes intereses económicos que se dilucidan. Tabaco e alcohol son fonte de beneficios para moitas empresas e pequenos comercios (léase negocios familiares) e polo tanto impermeabeis á acción do Estado.
Certo é que os botellóns están mal vistos pero o é polos destrozos que ocasionan nos lugares públicos nos que se montan. Do que ninguén fala é dos efectos perniciosos do alcohol sobre as neuronas e o fígado dos máis xoves. Que rapaces de 15 anos se emborrachen cada fin de semana é unha loucura que a sociedade admite con certa displicencia e que o Estado subvenciona con ufanía para buscar o recoñecemento dos electores. Sabemos que resulta complicado prohibir o botellón, como calquera outra prohibición, pero non comprendemos que non se faga cumprir a lei a aqueles que están a se aproveitar da demanda do rapaces e baleiran o garrafón que agochan baixo o mostrador. Está prohibido vender alcohol a menores de 18 anos, pero moitos taberneiros de Pontedeume (o termo teberneiros non é casual) están a infrinxir a ordenanza e non lles doe o corazón cada vez que un cliente púber se intoxica co que eles mesmos chaman "explosivo". Unha mestura de diversos tipos de bebidas, todas alcóholicas, que se vende ao prezo de 4 euros o litro. Adolescentes borrachos, ingresados en urxencias por coma etílico, agredidos por outros para realzar o espectáculo nocturno, ou obrigados polo alcohol á precocidade. Esa é a estampa de Pontedeume un sábado noite e que o Estado, é dicir, Concello, Policía Local, Garda Cívil, Xunta...parecen dispostos a tolerar. Sen eludir a responsabilidade dos pais que, coñecedores da embriaguez dos seus fillos, non son capaces de denunciar aos desaprensivos que lles venden os explosivos.