Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Marzo 2008

Nunca Máis

ascroas 30/03/2008 @ 00:52
nuncamais.jpgUnha historia real que parece sacada da época do franquismo. Daquela ninguén, ou case ninguén, se atrevía a enarbolar bandeiras que non fosen do réxime, como se lle soía chamar ao sistema político vixente. Os que si se atrevían a censurar eran os adeptos a este. Coa desfachatez dos que se sinten potentes e temidos, os defensores da España grande e libre podían ameazar aos que portaban unha insignia reivindicativa, unha bandeira ou simplemente falaban da democracia nos bares.
A historia que comentamos sucedeu en Pontedeume e hai só uns días. Como se o "réxime" non mudase no noso concello. Quen pasase polo mercado municipal decataríase que unha froiteiría que lucía fachendosamente unha bandeira do movemento Nunca Máis, xa estaba espida de tan provocativa insignia. A muller que rexenta o posto de froitas tivo que soportar moitos desplantes e intromisións por ousar lembrar a dignidade dun pobo que se fartou de dicir amén ás explicacións do PP cando o afundimento do Prestige. E estoicamente, como unha Mariana Pineda do século XXI, aguantou as impertinencias da veciña que despois de acudir a misa recomendáballe arriar a bandeira do escarnio. Outros deixaron de mercar por temor a ser contaminados polo chapapote da enseña.
Un bo día o encargado do mercado municipal, un celoso funcionario ao que non se lle ocorrería levar a contraria do seu xefe, conminou á froiteira a descolgar a bandeira do lugar. E dixo actuar en nome do alcalde de Pontedeume. A nosa Mariana contestoulle que semellante petición merecía ser inmortalizada nun edito para gloria da vila e corte. Nunca Máis seguíu impertérrita na parede do mercado. Pero só por un tempo. Un mal día, de forte temporal e ventiscas, a bandeira apareceu descolgada e despedazada. Foi mentres o recinto municipal estaba pechado e ninguén se explica como alguén poido acceder ao pedestal e descolgar o plástico negro e azul. Os máis miserecordosos achacan este incidente ao forte vento capaz de infiltrarse polas deterioradas xanelas e desraizar a Nunca Máis

Inxerencias

ascroas 18/03/2008 @ 02:09

retablo_pontedeume.jpgA folla parroquial de Pontedeume, da que é director o crego Sr. Raposo, fixo un chamamento ao voto a favor dos partidos compatibeis coa fe e a moral católica. Ergo partido popular

Isto sucedía na pasada xornada de reflexión o que, ademais de ilegal, pódese considerar unha inxerencia na vida política que a Igrexa debería evitar pola súa condición de estamento relixioso.

Tal aposta tivo o seu agradecemento por parte das novas xeracións do partido popular que, lonxe de marcar novos camiños distintos dos trazados polos máis vellos do PP, criticaron abertamente ao alcalde de Fene. Este reprobara a actitude do cura eumés nun blog no que denunciaba a orientación do voto pedido polo padre espiritual dos xoves populares. E os cachorros de Rajoy acusaban ao alcalde fenés, Ivan Puentes, de inxerencia nos asuntos de Pontedeume.

Que Pontedeume é algo distinto, sempre o dixemos. Que o que ocorre en Pontedeume en pocos lugares se dá, tamén. O que non sabiamos era que Pontedeume ten a súa propia soberanía e que os retoños populares, facendo gala dun nacionalismo local sen parangón noutras vilas, teñen a ben defender. Cando aconsellan a Puentes que se adique a gobernar o seu concello estanlle a recordar que os dominios dos Andrade son competencia dos eumeses de ben. Que pasará cos que sendo eumeses de mal nos atrevemos a censurar o comportamento da santa madre igrexa eumesa?

8 de marzo, día internacional da muller traballadora

ascroas 08/03/2008 @ 11:38

8marzo.jpgEn Galiza a porcentaxe de mulleres que realizan tarefas do fogar é do 80 %, mentres os homes teñen unha porcentaxe similar paro á inversa: un 80% non fai ningún traballo doméstico.

As compras do supermercado presentan unhas cifras desventaxosas para as mulleres. Mentres estas acuden á tenda nun 87% dos casos, os homes só o fan nun 57%, e moitas das veces acompañando ás mulleres.

Da limpeza outro tanto. Un 15% dos homes realiza estas tarefas habitualmente contra un70% das mulleres.

Non seguir falando con cifras por non tecnificar o problema. É un asunto social grave e imposíbel de xustificar nunha sociedade que presume de estar no século XXI e pertencer á Europa do progreso. Escandalizámonos da situación que viven as mulleres no terceiro mundo pero somos incapaces de ver a nosa comunidade con eivas propias da inxustiza que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo.

En palabras de Charlotte Whitton: "as mulleres teñen que facer calquera cousa o dobre mellor que os homes, para ser consideradas a metade. Por sorte non é difícil"

Un solteiro de ouro, moitos pretendentes e grandes pretensións

ascroas 06/03/2008 @ 00:46

sande2.jpgOs divorcios traen de novo a ilusión, a sensación de sentirse mirado e desexado. Quen pasa por un intre así é o concelleiro eumés Fernando G. Sande. Despois da súa separación, nada amistosa como case todas as separacións, do COE, ao mozo chóvenlle multitude de ofertas, algunhas demasiado explícitas: «Nuestra política siempre ha sido de consenso, de tener las puertas abiertas, y García Sande nunca las tuvo cerradas», confiaban onte desde o grupo de goberno, do PP.

Outros pretendentes son menos atrevidos e reducen as súas pretensións a un simple manoseo. O PSOE, que declara abertamente a súa promiscuidade, manifestou que «siempre tendimos la mano a todos los grupos, y él es uno de ellos»

Tamén os celos teñen un papel nas traxedias sentimentais e os outrora despeitados amantes acaban por revelarnos un pasado escuro. O BNG admite que o solteiro Sande, «es una persona razonable, y coincidimos en algunos asuntos con el»

Pero o certo é que o protagonista da historia, xa escaldado de romances na vila, non desbota a idea de procurar parella máis aló da comarca eumesa. Consciente da revalorización do seu caché xa iniciou conversas con Terra Galega. A lingua non debe ser un problema á hora de entablar relacións, senón todo o contrario.

As declaracións dos partidos políticos foron recollidas polo xornal La Voz De Galicia 

 

Século XXI

ascroas 01/03/2008 @ 02:30

Política Territorial destina 4,2 millóns de euros a subvencionar aos concellos e empresas de transporte que queiran implantar o Noitebús.

Entre os concellos, o de Pontedeume, procurado polos rapaces para organizar os xa afamados botellóns, lugar de encontro (necesario), borracheiras (innecesarias) e destrozos (innecesarios).

A Axencia Humanitaria de Galicia achega 80.000 euros para atención sanitaria infantil nos campos de refuxiados de Tinduf