Cando fodas non esquezas a túa lingua
Parece unha irreverencia pero non o é. Nas últimas semanas hai un bombardeo masivo (este si irreverente) de propaganda contra as linguas oficiais das distintas comunidades. Para os apoloxistas do castelán este é un idioma a punto de desaparecer e convén aupalo á vez que se denosta o galego, eusquera ou catalán.
As Novas Xeracións do Partido Popular en Pontedeume fanse eco desa campaña e non precisamente para criticala. Abogan por inculcar na xuventude o uso do castelán e fano cun lema tan
ambivalente como "Disfruta con tu lengua". Para evitar suspicacias acompáñase dunha fotografía na que unha moza aparece chupando un chupa-chups. O que non é suficiente para esquivar outros pensamentos. E iso sábeno moi ben os creadores da campaña. O uso de mensaxes subliminais para convencer non é nada novo no mundo da publicidade. O raro é que a dereita utilice frases libidinosas para conseguir impresionar aos lectores, facendo súa a máxima de que os fins xustifican os medios.
O que descoñecen os dirixentes populares é que a xuventude vai por outros derroteiros e que verían con máis agrado a proclama que dá título a esta reflexión.

Chúzao
del.icio.us