Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Arquivo: Marzo 2009

Unha lección maxistral

ascroas 29/03/2009 @ 16:40

Aquela rapaza adolescente chegou a casa algo desconcertada despois de escoitar ao seu profesor algo que debera calar. O cotilleo non tiña cabida na súa casa e non debería tela no colexio. Os seus pais educárona así e ela estaba moi satisfeita de ser distinta ao resto. Non había máis que enchufar a televisiòn e darse conta que airear os trapos sucios dos veciños era o pan noso de cada día.

Aquel día o profesor chegou a clase e anunciou aos alumnos as razóns polas que unha das rapazas levaba varios días sen asistir ao instituto. Estaba embarazada. E despois do chismorreo, a frivolidade: advertíu a dúas rapazas que elas poderían ser as seguintes.

Cando llo contou ao seu pai, este recordou inevitablemente a aqueles mestres que tivo nos anos sesenta, máis preocupados por velar pola moral cristiana que por educar.

E isto sucedeu nun instituto calquera, dunha vila calquera, como Pontedeume.

Que fan alí?

ascroas 15/03/2009 @ 02:04

Dous xoves eumeses partiron esta semana para  Afganistán. Formaban parte dun continxente militar que ten por misión rematar o traballo que o exército dos U.S.A. non foi quen de executar, e nunca mellor dito.

Non cremos que estes rapaces, nin outros, deban participar nunha guerra que como todas é inxusta, innecesaria e só provoca sufrimento aos que menos culpan teñen. O seu lugar está onde os seus amigos e familiares, socializándose, formándose e gozando da vida. Todo o contrario do que supón van facer nun país arrasado pola guerra e a miseria.

Seguro que lles dixeron que a súa era unha misión humanitaria. Poucas veces a hipocrisía dos militares chegou tan lonxe para xustificar as barbaridades dos conflitos bélicos. Poucas veces os políticos se amosaron tan fachendosos á hora de dobregarse ante o poder do imperio. E como sempre, os inocentes pagando os excesos.

A estas horas moitos xoves eumeses están a disfrutar da noite no xardín de Lombardero, no peirao ou na alameda de Raxoi. Pero outros dous están sufrindo unha situación que lles sobrepasa, que non buscaron e que non entenden.

Todos os homes e mulleres do mundo debemos pedir o seu regreso. Queremos telos connosco. E aos afganos hai que procurarlles saúde, progreso e formación. Algo que os exércitos non posúen.

A nova Lei do Comercio

ascroas 08/03/2009 @ 19:29

rebaixas.jpgHai un novo proxecto da Lei do Comercio implantada polo goberno español. Ata agora as grandes superficies comerciais, léase Alcampo, Carrefour, etc, debían contar cun permiso das respectivas comunidades autónomas para instalarse en calquera delas. Catalunya é unha das comunidades que máis trabas lles puxo a estas multinacionais para asentarse no seu chan. Galiza tamén. A razón é ben doada de entender: a defensa do pequeno comercio que sustenta a milleiros de autónomos e moitas máis familias.

Pero de repente o panorama vislúmbrase distinto. A nova lei do comercio vai sacar ás autonomías a prerrogativa que tiñan de impedir estes novos mastodontes comerciais. E suponse que pola presión dos grandes holdings

que os avalan.

O comercio eumés, máis preocupado polos aparcadoiros que pola mellora dos seus locais e servizos, non parece enteirarse desta perigosa normativa. Aos comerciantes pequenos do pequeno comercio pásalles o que aos afiliados dos partidos políticos: móvense por consignas. Alguén díxolles hai tempo que os males do comercio en Pontedeume eran as inexistentes prazas para aparcar. Eles, máis cheos de fé que de razóns, comulgaron con esa idea.

Pero que pasaría se de súpeto un Carrefour, por exemplo, se instalase neste concello? Quen siga habitualmente as noticias de Pontedeume estará ao corriente da posibilidade de que os solares que ocupa Einsa en Andrade pasen a ser solo industrial ou comercial. E consecuentemente sexan adquiridos por unha destas multinacionais para facer o agosto a costa dos pequenos comerciantes, un sector maioritario en Pontedeume que outrora gozou dun esplendor que hoxe é decrepitude.

Sempre poden aproveitar os nosos tendeiros a súa experiencia para opositar a unha praza de caixeiro nun destes hipermercados.