Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

SOLUCIÓNS TERCERMUNDISTAS

ascroas — 09-12-2006 GTM 1 @ 17:51

robert_doisneau-cit.JPGA Xunta de Galiza publica hoxe a decisión de trasladar aos nenos do Couceiro Freixomil a barracóns que se instalarán no IES Fraga do Eume. Dende esta mesma páxina xa anotabamos unha serie de problemas que acarrearía esta solución anacrónica. Amais dos derivados das condicións propias das casetas (o término módulo é un eufemismo para mellor dixerilo), os rapaces non disporán doutros espazos para o tempo de lecer, nin de aulas para outras actividades complementarias, xogos ou deportes. Aínda que tentan presentalo como unha solución provisional, o certo é que se pasarán todo o curso nestas condicións; e quen sabe se parte do seguinte dada a premura das obras públicas neste concello.

Esta é a nota redactada pola consellaría:

Por outra banda, na provincia da Coruña a Consellería de Educación está a contratar o aluguer de módulos prefabricados para acoller ao alumnado de educación infantil do CEIP Couceiro Freijomil en Pontedeume. Este centro está sendo obxecto dunha actuación que consiste na reposición integral do mesmo. Durante o penúltimo temporal rexistrouse unha ruptura de pluviais baixo as instalacións de infantil polo que a administración galega se viu obrigada a adoptar unha solución provisional que garantise a seguridade dos alumnos de catro cinco anos. Finalmente, a administración educativa acordou contratar estes módulos prefabricados e instalalos no Instituto de Educación Secundaria de Pontedeume, Fragas do Eume.

CÁRITAS EN PONTEDEUME

ascroas — 08-12-2006 GTM 1 @ 20:21

sachando-arturo-souto.jpgXa que estamos ás portas do Nadal non nos vén mal deixar fluir os nosos sentimentos máis profundos, aqueles que nos fan parecer algo máis humanos e cos que "purificamos" os excesos cotías da nosa vida. A estas debilidades estamos expostos todos, mesmo os políticos que adoitan ser os máis insensibeis ás desgracias alleas por moito que tenten disimulalo.

Segundo a Unión Europea, unha persoa atópase por baixo do umbral da pobreza se os seus ingresos anuais son inferiores a 6300 euros. Con este baremo resulta que en España, á cola da OCDE, hai un 20 % de pobres, e en Galiza a porcentaxe é superior á media española (como non podía ser doutra forma). Se extrapolamos estes datos a Pontedeume podemos estimar que hai aproximadamente 1600 persoas que viven en situación de pobreza.

Agora Manuel Rei, concelleiro de asuntos sociais, anuncia que o Concello de Pontedeume vai distribuir 20 cestas de Nadal entre as familias máis necesitadas, unha práctica que se vén repetindo desde hai varios anos. Hai números pares e impares, naturais, racionais, múltiplos, primos... e tamén insolidarios. Evidentemente este número 20 é destes últimos. Así o pensarán polo menos as restantes familias que quedarán excluidas deste reparto.

O paradoxal é como se estableceu este número indicativo das cestas a regalar. Cabería pensar que os orzamentos de asuntos Sociais non dan para máis, pero se facemos caso da noticia publicada polo Diario de Ferrol, e somos conscientes que non debemos dar moito crédito a certos xornalistas romos nas explicacións, 20 sería o número esperado de demandas. Un sociólogo debería estudar as razóns polas que as restantes familias non solicitan esta axuda, xa que non é o mesmo que o fagan por descoñecemento, vergoña, dignidade ou falta de confianza nun reparto xusto.

Un proverbio chinés dicía que mellor que darlle un peixe a un pobre  era aprenderlle a pescalo . Pero era chinés.



PONTEDEUME EXPORTA CALIDADE

ascroas — 08-12-2006 GTM 1 @ 00:05

galicia-calidade.GIFA inauguración da casa do concello en Ares non se podía presentar máis polémica. O edificio foi declarado ilegal pola consellaría de política territorial, a pesar do cal as obras seguiron para diante e o alcalde celebrou onte a inauguración desta obra pública. Os partidos da oposición , PSOE e BNG, non asistiron aos actos para amosar o seu malestar polas irregularidades levadas a cabo na construción da obra.

Non entendemos moito de política, unha ciencia abstrusa onde as haxa. Sempre se pensou que unhas siglas servían para aglutinar unhas ideas comúns, pero a comparación entre Ares e Pontedeume non corrobora esta tese. Na nosa vila os representantes do PSOE (ou deberiamos dicir PSdG?) e BNG non lamentan que se "inauguren" as vivendas de Caldagueiro coa ocupación por parte dos inquilinos. Non é que as bendigan, que para iso está a Igrexia, pero tampouco se manifestan en contra. O acertado sería que, como grupo de goberno, mandasen á forza pública para desaloxar aos "okupas" a semellanza das autoridades catalanas. Son estes exemplos que se deberían erradicar antes de que se propaguen como riadas pola costa da Galera.

Pero o noso malestar é outro. Ten que ber coa actitude do alcalde de Ares que se permite importar para o seu concello as experiencias de Pontedeume. Non só se pasa pola entreperna os mandatos da Xunta se non que ademais se apropia dos nosos mellores técnicos para materializar eses desaguisados. O arquitecto que asinou o proxecto da nova casa consistorial é Vicente Sambade, o mesmo que despois de varios intentos non foi capaz de conseguir que Pontedeume tivese un plano xeral de urbanismo. El foi quen redactou o anterior proxecto do PXOM, un estudo que mereceu a súa desaprobación por parte da Xunta de Galiza que o convertíu así nun aborto anunciado polas graves ilegalidades que acarrearía. Iso si, o intento costoulle ao concello de Pontedeume unha cifra millonaria.

O que reclamamos desde aquí é que a personalidade dos nosos políticos é unha marca de calidade da nosa vila, algo así como unha denominación de orixe, algo que nos distingue dos demais e que debemos preservar. Que en todo caso, se alguén non pode evitar emularnos, debería deixar constancia pública da orixe dos seus actos, actos netamente eumeses

OS NENOS DO COUCEIRO FREIXOMIL

ascroas — 06-12-2006 GTM 1 @ 18:43

escolares.JPGXa teñen onde  escoitar as explicacións dos mestres que lles inculcarán a importancia de conseguir unha educación de calidade para acadar un futuro mellor. A Consellaría de Educación, tan sabia ela, decidíu que irían a uns  módulos que se instalarán no  campo de deportes do Instituto Fraga do Eume, a carón da gasolineira. Este último dato non é superfluo por canto van necesitar calefacción para pasar o cru inverno no que uns simples radiadores eléctricos non abondarán para eliminar a friaxe das casetas de construción. Porque de casetas de obra se trata,  por se alguén non o cre; máis novas e máis amplas pero igual de frías e sen servizos básicos. Só uns pequenos ventanais para que saiban os rapaces que fóra aínda chove.

E unha vez máis a improvisación e a arrogancia das autoridades educativas que menosprezan as demandas dos pais en busca de solucións favorabeis para os rapaces máis novos do abano educativo. Non se pode tolerar que durante meses, quizais todo o curso, os máis pequenos pasen pola desagradábel experiencia de recibir a ensinanza dentro duns habitáculos inhóspitos e lúgubres. Eses mesmos "educadores" teñen a ben recomendar ás familias que un bo rendemento escolar dos seus fillos pasa pola consecución dun ambiente propicio dentro do entorno familiar, é dicir, unha mesa, unha cadeira , un espazo con luz, temperatura adecuada, ausencia de ruidos...

E non esquezamos aos alumnos do instituto que se virán privados de disfrutar do campo de deportes necesario para as súas clases de educación física ou para o tempo de lecer no  recreo e despois do xantar.

Claro que a consellaría xoga coas necesidades dos pais e non lle será difícil impoñer esta solución. Máxime se conta co aval do concello na figura do seu representante Manuel Rei. Pero non cremos que se analisasen outras solucións, que se buscasen outros lugares. Por exemplo, non sería descabellado pensar na Casa da Xuventude, un preciado lugar moitas veces infrautilizado que podería albergar a estes meniños. Ou a Casa da Cultura.

Hai pouco facíase público un informe que constataba o crecemento escandaloso que tiña o ensino privado concertado en detrimento do ensino público. É doado entender as causas.

XULGADOS EN PONTEDEUME

ascroas — 03-12-2006 GTM 1 @ 00:46

peirao.jpgO alcalde de Betanzos quere solicitar un cuarto xulgado para esta localidade xa que os que ten actualmente  non dan abasto para atender a enorme poboación adscrita a este partido xudicial. Entre as localidades que teñen que acudir a Betanzos para resolver os seus asuntos coa xustiza está, como non, Pontedeume.

A nosa vila xa tivo un partido xudicial no seu día, algo lonxano por certo. Desde hai tempo o concello de Pontedeume estuda a posibilidade de recuperar o que perdeu por desidia dos seus gobernantes, unha característica esta anclada na historia local. Agora debe retomar axiña a demanda do xulgado se non quere que Lagares (o alcalde de Betanzos, non confundir con Lagares o vicealcalde de Pontedeume) lle gane a partida. De momento o betanceiro xa se reuníu co conselleiro da Presidencia e co director xeral. Belarmino Freire debe mover ficha e solicitar as oportunas entrevistas con quen corresponda. Pode facer valer como argumentos a necesidade de resolver problemas vixentes na vila como urbanismo, roubos de farolas, inundacións, escasez de auga, verquidos contaminantes e un longo etcétera que seguro influirán na decisión dos que teñen a responsabilidade de asegurar o cumprimento das leis. Entendemos pois que os interlocutores válidos para reivindicar un xulgado eumés deberían ser os titulares de urbanismo, interior, augas e medio ambiente.

Asáltanos unha dúbida desacougante ao propoñer esta argumentación. E se todos estes delitos  non fosen máis que unha tapadeira para reivindicar o xulgado para Pontedeume?



 

PONTEDEUME NOS MEDIOS...PERO SEN MEDIOS

ascroas — 01-12-2006 GTM 1 @ 18:33
praza-real-acto.jpgQue un concello sexa motivo de materia informativa en moitas ocasións pode ter diferentes lecturas. Algúns alcaldes publicitan nos xornais mansos os seus logros, se é que son tales, coa finalidade de lembrarlles aos veciños o grande interese que teñen polos seus problemas; noutros casos, son os medios os que informan das pésimas actuacións dos alcaldes, moi ao seu pesar.
Polo visto e lido, Pontedeume acapara ultimamente páxinas de denuncias contra as aberracións urbanísticas que se dan no concello. A gravidade do asunto está en que non son simples denuncias de particulares afectados nos seus intereses, ou que un determinado xornal aproveita para meterse co poder, senón que veñen corroboradas pola propia Xunta de Galiza mediante informes que , mentres non se demostre o contrario, avalan a credibilidade das noticias.
Con particularidades propias, Pontedeume forma parte desa interminábel lista de concellos ou cidades lamentablemente famosas pola vulneración das leis urbanísticas, é dicir, atopámonos nun territorio sen lei.
cooperposter.jpgLembrando unha famosa película na que o personaxe interpretado por Gary Cooper, o sheriff de "Só ante o perigo", tiña a coraxe de enfrontarse a un grupo de delincuentes chegados á cidade, un anhela que exista un alcalde cheo de valor que poña freo aos desmáns dos novos foraxidos do cemento. Aínda que só era unha película o trasfondo ocultaba unha denuncia da situación que estaba a vivir a sociedade norteamericana coa famosa "caza de bruxas"; un heroe ao que o seu pobo lle daba ás costas, con ganas de seguir adiante. A diferencia con aquela situación é que estes pobos que hoxe sufren a pillaxe dos bandidos, farían causa común cos seus rexedores, pero estes non están polo labor. O que falla son os comisarios. Ao mellor camiñamos cara á unha sociedade sen representantes, máis colectiva e mais responsábel. Ao peor estamos ante o deterioro social, a corrupción como forma de vida. E sen medios para atallalo.

A PANACEA DO ENSINO

ascroas — 29-11-2006 GTM 1 @ 01:42

arbore.jpgAgora podemos entender por que a Xunta tenta evitar que os nenos do Couceiro Freixomil non morran afogados ou, cando menos, non aborrezan os estudos. É unha forma doada e barata de previr os incendios forestais.

Expliquémolo. A consellaría de educación anunciou o pasado día 24 que os colexios de Galiza desenvolverán no 2007 un programa de educación ambiental para sensibilizar e concienciar ás novas xeracións da importancia de coidar o monte.

Anteriormente xa se levara a cabo unha iniciativa durante dous meses con alumnos de ESO e bacharelato de 14 centros galegos. Estes alumnos disfrutaron duns días de vacacións na illla de Arousa  e de Forcarei, onde aprenderon  " o que custa rexenerar un monte tras un incendio, para que no futuro o pensen antes de encender unha parrilla no campo", segundo explicou o director xeral da xuventude, que ao mesmo tempo amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos. Cabe deducir que estes rapaces non queimaron ningún monte ao rematar o curso. Medidas preventivas ou fallo na presunción de inocencia?. Non o sabemos pero este home non é consciente de que os montes non os queiman os que fan "pic-nic" senón os que agochan outros intereses máis espurios.

Todos os males teñen remedio no ensino, cren os superiores da Xunta;  porén os males son cada vez maiores. Ou o ensino falla ou a premisa é falsa. Nós cremos máis probábel esta última. O demostra o feito de que hai uns anos a mesma consellaría implantou a  formación contra o feismo urbanístico como materia transversal (?) dentro dos obxectivos a acadar. O resultado non pode ser máis pesimista: a desorde urbanística exténdese por todo o territorio. Por non falar da recomendada educación viaria que se estableceu para erradicar os accidentes automobilísticos e se demostrou inútil a tenor do elevado número de xoves mortos ou feridos nas estradas.

En fín, desexariamos, polo ben dos nosos fillos, non instaurasen máis medidas "correctoras" co ánimo de evitar outros males sociais. Non queremos campañas contra as drogas; o que queremos é que se vaia ao fondo do problema, a poñer baixo custodia aos traficantes, o mesmo que aos pirómanos, aos promotores inmobiliarios ou aos borrachos ao volante.

A relixión inventou a Deus para expiar os pecados dos homes. A consellaría de educación tamén traslada ao ensino a purgación dos males sociais.



 

COAS MOCHILAS ÁS COSTAS

ascroas — 27-11-2006 GTM 1 @ 20:36

Educación decide trasladar temporalmente ao alumnado de 4 e 5 anos do CEIP Couceiro Freijomil ao CEIP de Andrade

A decisión, de carácter preventivo, tomouse tras sufrir o centro problemas de pluviais debaixo do edificio de educación infantil

O Concello ocuparase do traslado do mobiliario e a Consellería da reorganización do transporte escolar

Santiago, 27 de novembro de 2006.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria decidiu o traslado do alumnado de 4 e 5 anos do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Couceiro Freijomil de Pontedeume ao CEIP de Andrade, como medida preventiva tras os problemas de pluviais xurdidos no centro a raíz do temporal de chuvia.

A Administración educativa está a acometer na actualidade a obra de reconstrución do CEIP Couceiro Freijomil. Como consecuencia das chuvias rexistráronse problemas de pluviais debaixo do edificio de educación infantil. Ao longo da fin de semana, tanto os servizos técnicos de Arquitectura e Transporte como a Inspección Educativa procederon á avaliación dos danos, que foron comprobados esta mañá polo delegado provincial de Educación da Coruña, Pedro Armas.

Tanto os alumnos destes niveis como as catro profesoras que os atenden trasladaranse provisionalmente ao CEIP de Andrade. O Concello encargarase do traslado do mobiliario; mentres que a Consellería está reorganizando o transporte escolar, de xeito que se manteñan na medida do posible os horarios, co fin de non alterar a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais.

Esta solución farase efectiva coa maior brevidade posible. Tanto os pais e nais como as profesoras de infantil e o centro de acollida foron informados da decisión e amosan unha actitude receptiva.

Ata aquí a noticia que acaba de facer pública a Xunta de Galiza. Polo que parece o problema vai para longo. O que desexariamos sería que a consellaría de educación non caia nos mesmos erros do concello, que non se lle dea por "parchear" o problema. Non sabemos que escuras augas corren polas entrañas de Pontedeume e pode ser que volvan a anegar ou, peor, socavar o chan sobre o que se asenta o colexio. A solución razonábel está en demoler todo o colexio, ao fin e ao cabo está nas mesmas condicións que o módulo xa demolido, e construir un novo centro cos alicerces ben postos. Algo, isto último, que lle falta aos nosos gobernantes.

Meigas no couceiro Freixomil

ascroas — 27-11-2006 GTM 1 @ 02:09
escola.jpgOs nenos das aulas de infantil no colexio Couceiro Freixomil non poideron asistir ás clases porque se inundaron as aulas. O certo é que choveu canto quixo e o caudal subterráneo que circula baixo o colexio fixo o resto. Os nenos terán que mudarse durante máis de dez días antes de voltar á normalidade. Neste colexio, neste curso, todo son mudanzas. Primeiro os que ocupaban o bloque agora derrubado, tiveron que cambiar para outro módulo; agora son os máis pequenos os que teñen que coller as mochilas e emigrar. Pero tampouco debe dramatizarse este asunto. Ao fin e ao cabo, non hai moitos anos, outros nenos tiveron que emigrar ao estranxeiro e sen libros na mochila.
Un centro que non as ten todas consigo. Cando despois de moito tempo de deterioro, as autoridades deciden reconstruir unha parte do mesmo, as obras paralízanse por carecer dos permisos das mesmas autoridades. Un asunto kafkiano. Logo as riadas subterráneas alteran de novo o curso escolar. Vai ser difícil que estes nenos e nenas entendan aos seus mestres de sociais cando, ao explicarlles a situación sociopolítica deste país, lles digan que pertencen a Europa, un continente que se caracteriza polo elevado grao de benestar e pola primacía da educación como factor de progreso. O que si entenderán como ninguén será o tema das augas subterráneas que se lles impartirá na clase de xeoloxía. Ata é posíbel que o máis avezado dos rapaces plantexe unha pregunta de difícil resposta para o seu profesor: por que non se adopta a solución de verter os caudais subterráneos á ría tal e como desaugan as augas residuais no peirao e paseo marítimo?
Cando os pais e nais reclamabamos máis medios e profesores para a educación dos nosos fillos sempre nos atopabamos coa indiferencia das autoridades que nos facían ver que o importante era que os pequenos estivesen escolarizados, entendo isto como estar baixo un teito chamado escola no que ademais non chovese; o secundario era o que nós pediamos. Agora vemos que nin sequera están a salvo das augas.

Limpeza a fondo

ascroas — 25-11-2006 GTM 1 @ 03:07

p10003280.jpgCoñecido é o calamitoso estado das rúas, prazas, xardíns, paseos e demais zonas públicas no que a limpeza se refire. Tamén aquí os veciños deixamos moito que desexar, aínda que algúns se enoxen por criticar de novo á paisanaxe. Pero as cousas son como son e nós non podemos cambialas. Quizais empecen a cambiar agora como consecuencia dunha axuda que o noso concello vai recibir para acometer a limpeza de espazos medioambientais. Este auxilio (nunca mellor dito) que concede a Consellaría de Traballo terá unha validez de 9 meses, o necesario para parir e botar a andar polos propios pés. Durante este tempo serán contratadas seis persoas que se encargarán de devolverlle a Pontedeume todo o seu esplendor perdido anos ha por abandono dos respectivos alcaldes e concelleiros de turno.

Por 77 mil euros e durante nove meses, os traballadores tentarán adecentar  os xardíns, tanto da vila como das parroquias, o castelo de Andrade, o paseo marítimo, o entorno de Breamo...e volta a empezar.
Unha vez máis, Pontedeume vive da beneficencia. Algún día será autosuficiente coas taxas que percibirá polas construciones inmobiliarias.