GLENN
ascroas — 19-07-2007 GTM +1 @ 01:26
Pontedeume sempre foi terra de acollida daqueles que se sentiron impresionados pola beleza da paisaxe eumesa, das súas tascas e das romarías. Abofé que poucos vilas poden presumir de tantas virtudes. E iso é notorio nada máis desembarcar nestes lares.
Uns personaxes que quedaron cautivados por este pedazo de terra foron unha parella de ingleses, altos, aristocráticos, extrovertidos e de fácil comunicación. Pero a diferencia doutros que tamén se namoraron do terreo que acababan de coñecer, os ingleses fixérono dende outra perspectiva: a do valor xeolóxico. El, de profesión xeólogo, é administrador dunha empresa de capital anglo-sudafricano que busca abrir unha mina de andalucita na zona de Pico Vello, a carón das Fragas do Eume. O que nun principio parecía un caso envexábel de bohemios subxugados pola paisaxe, non era máis que un exemplo de busca de lucro incesante a costa da paisaxe. Unha continuación da cadea colonizadora que comezou cando os ingleses se apropiaron dos recursos de Sudáfrica. Son estes dous países os que agora procuran a riqueza dos galegos das terras do Eume.
O nome de andalucita se atribúe a un inglés que decubríu este mineral nunha paraxe castelá e, crendo que estaba en Andalucía, chamoulle anadalucita. Esta mostra de ignorancia, a mesma que lles leva a chamar á empresa que representan Picobello Andalucita polo lugar de Pico Vello no que se atopa o mineral, non é impedimento para conseguir grandes réditos da explotación dos recursos locais. Sempre foi Gran Bretaña un país que non necesitou da cultura para converterse nunha potencia mundial. O petróleo iraquí, máis valioso que a andalucita, esixíu esforzos ímprobos, sanguentos e tráxicos. Agardemos que o noso mineral non acade no mercado o valor do petróleo.

Chúzao
del.icio.us