Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

PONTEDEUME NO CLUBE DOS ELEXIDOS

ascroas — 28-05-2007 GTM +1 @ 22:03
fabra.jpgUn feito curioso deuse nalgunhas localidades nas que os alcaldes estaban imputados por delitos de urbanismo, chámense corrupción, prevaricación ou tráfico de influencias. Contrariamente ao que poidera pensarse os partidos que os aopiaban conseguiron afianzarse aínda máis no poder. Algúns exemplos coñecidos: Carlos Fabra, presidente da Deputacion de Castellón, que o seguirá sendo despois de aumentar o PP o número de concelleiros; Andratx, concello balear no que o seu alcalde, do PP, foi detido xunto co Director de Ordenación do Territorio, contempla como os populares aumentan o número de escanos; Navas del Marqués, onde o alcalde, tamén popular, permitíu a tala de 35.000 piñeiros para construir unha urbanización ilegal, non evita que o PP aumente dóus concelleiros; Alhaurín el Grande, cun alcalde popular detido por esixir comisión aos promotores, decidíu manter ao seu alcalde. E un longo etcétera.
Dentro deste privilexiado clube de concellos que parecen non darse conta que os candidatos inmersos en presuntos, ou non tan presuntos, delitos urbanísticos deberían quedar fóra de xogo, atópase por mérito propio o concello de Pontedeume. Aquí tamén se presentou como candidato Manuel Rei, do BNG, a pesar de estar acusado pola fiscalía dun delito de prevaricación.
A diferencia cos citados anteriormente é que Rei non conseguíu aumentar o número de votos do seu partido, senón todo o contrario, deixando o goberno en mans da dereita local. Quizais non soubo tecer unha rede de influencias ao estilo de Fabra e compañía. Quizais non sexa máis que un advenedizo que non soubo interpretar a idiosincrasia eumesa, e pensou que lle ían recompensar a súa nefasta xestión. Quizais sexa un infiltrado que lle facilitou o traballo ao PP.
Sexan cales sexan as razóns, o certo é que Pontedeume xa está codeándose con Andratx, Alhaurín el Grande, ou coas Navas. No noso concello tamén temos acusados que repiten como concelleiros. E non saímos en xornais como El País que espallan os trapos sucios do PP. Esiximos ter unhas liñas que nos recoñezan o mérito de contar con presuntos prevaricadores no salón de plenos.
Claro que outros, aínda non acusados mais non máis inocentes que Rei, tamén repiten . Quizais cando se escriba a historia de Pontedeume será o momento de reclamar un privilexio que hoxe por hoxe é ignorado polos medios de comunicación.

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

ascroas — 27-05-2007 GTM +1 @ 13:02

buitres1.jpg

Intuiron o festín

e os buitres lanzáronse sobre a carnaza

BETANZOS 2 - PONTEDEUME 0

ascroas — 23-05-2007 GTM +1 @ 00:12

betanzos.JPGA guerra entre Betanzos e Pontedeume é vella. Guerra pacífica, claro. Os Xulgados que antaño pertencían a Pontedeume víronse anulados polo Xulgado de Betanzos. Hai pouco os betanceiros, co seu alcalde á cabeza, rteclamaban un cuarto xulgado para atender o crecemento da poboación adscrita a este partido xudicial. Para conseguilo, o Sr. Lagares reunírase co Conselleiro da Presidencia, algo que ao noso alcalde, Sr. Freire, non se lle pasou pola cabeza. Quizais por tela demasiado ofuscada con outros temas. (Aquí xa dimos información sobre o tema)

Agora Touriño apoia a construción dun auditorio comarcal en Betanzos, outra vella demanda da nosa vila. O prtesidente apoia a construción dun auditorio comarcal en Betanzos, segundo manifestou nunha visita electoral á vila dos cabaleiros. Ademais estivo arroupado polos rexedores de Paderne, Pontedeume e Betanzos. Polo que se deduce que o noso alcalde, o eumés Belarmino Freire, avalou coa súa presenza a concesión dun auditorio para Betanzos. Nunca entenderemos para quen traballa este home. Cando está a punto de desaparecer da escena política non ten outra obsesión que castigar ao pobo de Pontedeume con medidas como as recalificacións, as macrourbanizacións, ou como este apoio ás demandas do concello veciño. Xa hai uns anos, os eumeses tiñamos quie desprazarnos a Betanzos para facer uso da piscina municipal. Aquí non se conseguíu outra ata moitos anos despois. Semella que o traballo de Freire é máis lento que o de Lagares. Pero non debemos renunciar a un auditorio propio. Mentres tanto colleremos o autobús para asistir aos concertos. Menos mal que sempre nos queda Betanzos.



SEGURIDADE CIDADÁ

ascroas — 17-05-2007 GTM +1 @ 01:05

Unha xuíza imputa a un policía local de Pontedeume por aporrear a un menor
O compañeiro do axente tamén está acusado por non evitar a agresión

policeman.gif

Os axentes están acusados dun atentado grave contra a integridade moral do rapaz.

Os feitos ocorreron en maio do 2005, un día de marcha en Pontedeume. Unha marcha que non é privativa da xuventude pois polo que se vé tamén a policía local entende de movidas. O rapaz regresaba a casa nun taxi cando foi obrigado a baixar do vehículo polos axentes municipais. Sen interesarse pola identidade do rapaz, comezou unha malleira que un dos gardas inflixíu ao xove de 17 anos. O taxista que estaba presente non se molestou en pedir mesura á policía como sería lóxico nun cidadán normal. Claro que non todos os taxistas son normais; como en todos os gremios hai mala e boa herba.

Segundo relata La Voz de Galicia, "el primero de los agentes lo hizo descender, le colocó los brazos sobre el taxi y lo conminó a abrir las piernas en la imagen típica de cualquier detención de un individuo peligroso. A continuación comenzó a darle porrazos en las piernas, siempre desde una posición trasera, mientras con lo sujetaba agarrándolo del pelo". Entendemos aquí o do dano moral do que se lles acusa aos policías.

As vicisitudes dos pais non remataron aquí pois cando se desprazaron ao cuartel da garda civil para poñer a correspondente denuncia, atopáronse con que o axente que os atendeu fíxolles saber que o seu fillo estaba incluido nun incidente ocorrido horas antes na vila. Algo que podería xustificar a agresión sufrida por parte da policía local. Creiamos ata agora que se unha persoa alteraba a orde pública, deberia ser penalizada polo poder xudicial, nunca polas forzas de seguridade. Sabiamos que ese era o costume ata o ano 1975, e inxenuamente pensamos que a Constitución derogaba estas prácticas abusivas da policía. Equivocámonos e é xusto recoñecelo.

A actitude do garda civil, que podería interpretarse como unha xustificación da actuación dos policias locais, non foi un caso aillado. Tamén o resto de axentes locais fixeron unha defensa da actuación dos seus compañeiros, resaltando que non se pode comparar coas actuacións dos mossos de esquadra. Todos vimos como os cataláns se empregan máis a fondo contra os posibeis delincuentes. Demos grazas, pois, aos axentes eumeses pola consideración amosada na defensa da orde pública.

Pola súa parte, o alcalde de Pontedeume defendeu a profesionalidade e o traballo do resto dos axentes. O rexedor limitouse a desprazar ao policía acusado a un posto no que seguro poderá desfogar toda a súa irascibilidade: policía urbanístico. Que se poñan a tremer cantos construtores e promotores violan a lei urbanística. Imaxinamos xa aos donos de Lagares, Construeume, Progasa 2000 e outros, coas pernas abertas, suxeitos polo pelo e sometidos a crueis vexacións por parte do axente urbanístico.

 

PUNTUALIZACIÓNS NECESARIAS

ascroas — 12-05-2007 GTM +1 @ 00:57

obras.gifAs novas dos xornais recollen que o novo Couceiro Freixomil abrirá o próximo curso. Quen afirma isto non é outro que o director xeral de Formación Profesional, Antonio Vázquez.

Este anunciou onte, en resposta a unha iniciativa do BNG, que o próximo curso escolar estarán operativas as novas instalacións do colexio Couceiro Freijomil. Lido sen atención pode pensarse que as promesas de que o novo colexio funcionaría nada máis comezar o curso escolar, se manteñen. Pero lendo con máis precisión, a frase do director xeral non aclara a que altura do curso se refire. Podería ser en setembro do 2007 (algo imposíbel dado o estado das obras) ou en xuño do 2008.

Para ser un bon político hai que manexar con destreza a linguaxe. Se algúns interpretaron que os rapaces poderían estrear o curso no novo colexio, é culpa deles por non saber ler. Non se pode menosprezar a capacidade dos homes de estado para poñer as cousas no seu sitio. O que hai que esixir aos pais dos alumnos é que fagan o esforzo de analisar correctamente os textos publicados.

Tamén recoñeceu o representante da Xunta que é preciso desviar o manantial que discorre por baixo das instalacións académicas. O que non quere dicir que sexa algo que se vaia facer, ou que, de facelo, se consiga. Xa se sabe o testadura que é a Natureza cando o home pretende dirixila "contra natura"

Preguntado o director xeral polos controis periódicos de seguridade que se ían efectuar nas obras do colexio, Vázquez asegurou que tanto o Concello como a comunidade escolar están pendentes de recibir os resultados. É dicir, que aínda non hai resultados e polo tanto non se pode afirmar que a seguridade exista.

FILLOS ADOPTIVOS

ascroas — 24-04-2007 GTM +1 @ 23:26

jesucristo-visa.jpgBelarmino Freire, alcalde de Pontedeume, vai nomear fillos adoptivos desta vila a D. José Luís Méndez e D. José Cascón Raposo, banqueiro e párroco respectivamente. Para iso necesita os votos da corporación e fanse apostas sobre se os socialistas e nacionalistas, de dubidosa ideoloxía laica e anticapitalista, votarán a favor desta proposta.

O tema das adopcións é un tema complicado sobre todo para os pais que desexan facerse cargo de pequenos desamparados, e fundamentalmente polos longos períodos de espera antes de exercer como proxenitores. Claro que aquí os papeis poden estar cambiados e os proxenitores poden chegar a ser os fillos, Méndez e Raposo. Proxenitores de quen? Vaia vostede a saber.

A adopción por parte dos concellos debería estar regulada por normas estrictas como as que atinxen aos pais adoptivos.  En prevención de males maiores. Temos exemplos de fillos adoptivos que non fixeron máis que crear problemas aos seus proxenitores. Lembremos o caso de Martínez Pérez, propietario de EINSA, que como un Caín mal avenido tentou deixar sen traballo aos seus irmáns, os outros fillos de Pontedeume, os lexítimos.

En primeiro lugar deberiase facer un seguimento das capacidades tanto económicas como mentais dos  alcaldes adoptivos. Non vaia ser que logo non podan atender os caprichos dos seus "fillos". Imaxinemos que o párroco quere insistentemente  e caprichosamente , como un fillo mal criado, que o concello promova  a castidade e  xustifique a pobreza; e o banqueiro lle exixa que protexa a cobiza. Que ideólogo vai compaxinar ámbalas dúas apetencias?

Tamén a exixencia de plenas capacidades mentais é unha forma de preservar a saúde emocional dos adoptados e adoptantes. A convivencia dun banqueiro e un párroco, aínda que semellantes entre si, co alcalde e demais familiares da corporación, pode alterar a personalidade dos que están chamados a rexer os destinos do  noso concello, levándoos a pensar que a xestión do ente público pasa polo uso indiscriminado da hostia e da Visa.



 

CONTRA A DEGRADACIÓN DO TERRITORIO

ascroas — 23-04-2007 GTM +1 @ 18:17

banner-1.gif

O 6 de maio será un día no que os galegos poderemos dicir BASTA XA á especulación, a deterioración da paisaxe, á corrupción, á contaminación, ao cemento, ao feísmo, ao axente urbanizador...



A TODO GAS

ascroas — 19-04-2007 GTM +1 @ 23:44
vizus.jpgAsí parece que andan algúns pola vida. O promotor Molares, unha nova profesión que abulta o seu currículo, non ten reparo en contaminar o río Vizús coas defecacións das súas vivendas. Pero Medio Ambiente opta por sancionar ao Concello de Pontedeume, é dicir a todos nós, a pagar unha multa de 6000 euros.
Deben saber que os eumeses somos xente tranquila e apacíbel. Se non non se entendería a decisión de  castigarnos polos pecados doutros. Se houbese xustiza divina, este pastor evánxelico de almas sería castigado polos seus pecados medioambientais. Como a divinidade non parece existir, hai que botar man da xustiza humana e esta é máis arbitraria que a celestial pois en lugar de penalizar ao alcalde por concederlle permiso polas excrecións, seremos os pontedeumeses os que, vía impostos indirectos, resarzamos os danos á Natureza provocados por quen está máis preocupado polo paraiso eterno que polo terrenal.
Este pequeno promotor que xa acumula varias obras ilegais en Nogueirosa e logo en Centroña posúe unha casa a escasos centímetros da costa que permanece oculta aos ollos das autoridades. O poder sempre foi cego sobre todo con aqueles dos que se sirve para a súa pervivencia. Nesa casa, con baixada directa a unha cala protexida dos bañistas por cans ameazantes, parece condensarse a evolución das desfeitas urbanísticas que proliferan pola nosa costa. O que empezou sendo un tellado de uralita sostido por catro paos, acabou convertíndose, como no milagre da multiplicación dos pans e peixes, nunha privilexiada finca para solaz dos seus propietarios. Consciente da impunidade e da riqueza que outorgan estas obras, o aprendiz de promotor ambarcouse en novos proxectos que lle impulsaron a edificar en Nogueirosa primeiro e Centroña despois.
A quen non lle gustaría ter unha man amiga disposta a limpar os excrementos que non sabemos onde aparcalos?

III REPÚBLICA

ascroas — 14-04-2007 GTM +1 @ 10:16


banderarepublicanamovimiento21.gif

PURA CORTESÍA

ascroas — 11-04-2007 GTM +1 @ 20:45
agras_1.jpgSomos corteses cos nosos lectores sen chegar á pleitesía que D. Manuel Agras amosa co Excm. Sr. D. Francisco Franco Bahamonde. Na foto que se acompaña podemos ver ao Sr. Agras inclinándose ante o pequeno ferrolán mentres contempla a escena o Sr. Celestino Sardiña, que tamén sufríu en carne propia, da súa familia enténdase, as matanzas dos franquistas durante a guerra incivil.
agras.jpgNo documento fotografado apreciase a petición por parte de Agras da placa conmemorativa á morte do xefe de estado.