AGRAS, CANDIDATO PERPETUO
ascroas — 09-04-2007 GTM +1 @ 19:51
A empresa EINSA, con fábrica en Campolongo, avanza por uns derroteiros difíciles de comprender. Se hai un ano tentou despedir a gran parte da plantilla por falta de traballo, agora parece que está acelerando cara non se sabe onde.
Para comezar, "ficha" a dous grandes das finanzas. Un, José María Castellano, famoso por ser a man dereita de Amancio Ortega e impulsor do imperio de Inditex; outro, Javier Riera, ata xaneiro pasado director xeral da planta de PSA Citroën en Vigo. Todo un luxo para unha empresa que estaba en plena crise hai poucos meses.
Ademais solicita ao Concello de Pontedeume a recalificación duns terreos nos que non só se asenta a fábrica na que se imprimen as guías telefónicas de media Europa, senón tamén as fincas de distintos veciños de Pontedeume alleos ás intencións que a familia Martínez dispuxo sobre as súas terras. Como non podía ser doutra forma, o Concello non lle nega ao seu fillo predilecto semellante favor. Algún dos lectores non tería esa xenerosidade cos seus fillos?
Todo é moi escuro. Non parece que os pesos pesados antes citados, afeitos a lidiar con grandes multinacionais, se adpaten a unha empresa modesta se a comparamos con Citroen e Inditex. Os beneficios xerados non poden ser tan importantes como para atraer a atención do Sr. Castellano e do Sr. Riera. Porén, as dúbidas tornaríanse máis claras se pensamos no sector que máis plusvalías produce na actualidade: o negocio inmobiliario.
As autoridades educativas e o Concello de Pontedeume deben pensar que burlarse dos pais dos alumnos do Couceiro Freixomil é relativamente doado. E pode que non lles falte algo de razón. Acaban de insistir que as obras estarán rematadas en setembro, xusto para comezar o curso. Calquera que se pase por alí, sen contar con coñecementos de albanilería, decatarase que é imposíbel ter listo o colexio para esas datas.
A insistencia en tranquilizar aos pais radica na perda de alumnado que tivo a súa orixe nas obras de demolición e o posterior asolagamento dos módulos de infantil.
Como quen vende unha viaxe a Cancún, ofrecen servizo de comedor, con almorzo incluido, ximnasio e outros servizos modernos sen especificar. A educación entra así no campo das ofertas e demandas, do comercio e do marketing, das rebaixas e do todo a cen.
Dende aquí podemos dar algunhas ideas de cara a conseguir maior número de alumnos. Por exemplo, ofertarase unha rebaixa no servizo de comedor para aqueles alumnos que vaian acompañados dos seus irmáns; unha vez ao mes a clase de relixión será impartida polo bispo da diócese; ampliarase o horario de tarde para que os pais poidan disfrutar do seu tempo libre; decretarase que o número de aprobados non será inferior ao 80%; contrataranse profesores para pasantías a aqueles alumnos máis necesitados de atención; poderase ampliar o servizo de comedor ás ceas; etc.
Son ideas espontaneas que seguro poderán ser perfeccionadas cun pouco de reflexión. O que tratamos de dicir é que o ensino xa é dende hai moito tempo un negocio no que tamén o público está abocado a participar. Se non desexa quedar sen alumnos. Unha posibilidade real se temos en conta que os pais buscan cada vez máis a forma de delegar nos colexios e profesores non só a educación dos seus fillos senón tamén todo o concerniente á súa vida: ocio, manutención, formación relixiosa, artes, espectáculos, festas...
Quédalles para os pais a tarefa máis grata: a procreación.
Un sereno versión 'siglo XXI' recorrerá por las noches las calles del barrio madrileño...El "sereno del siglo XXI" tendrá ligeras diferencias respecto al del siglo anterior. Irá uniformado, provisto de un walkie-talkie para comunicarse entre los serenos y con un móvil con linea directa con quien contrate el servicio.
O Concello eumés valora agora a posibilidade de recuperar a clásica figura de vixilancia nocturna, pero adaptada ao século XXI...portarán sistemas de comunicación en conexión directa co posto máis próximo da Garda Civil.
Nunha entrevista que o diario La Opinión realiza a Manuel Rei, o candidato de BNG ás eleccións municipais en Pontedeume, amais de amosarse como un experto en infinidade de materias, di gozar co traballo realizado. Iso non podemos negalo, sería estúpido seguir adiante despois das moitas críticas que reciben os políticos, máis o Sr. Rei. Pero unha cousa é disfrutar e outra moi distinta é facelo ben. Cuestionamos que tantas áreas de actuación poidan ser atendidas por unha soa persoa sen incurrir en erros manifestos e escandalosos. A menos que se trate dunha persoa cunha inconmensurábel capacidade de traballo e igual capacidade intelectual.
A xulgar polas frecuentes declaracións de Manuel Rei, parece que os cargos son excesivos para a súa persoa. Demasiado interesado en aparecer na prensa, consciente que este é un bo medio de promocionarse, non coida a preparación das súas intervencións. O resultado é unha constante falta de precisión nas súas intervencións. Na entrevista citada ao principio, a xornalista pregunta:
-En 2002 a Secretaría General de Turismo puxo en marcha o proxecto Municipio Turístico Sostenible, co que pretendía mellorar a calidade ambiental e os servizos dos municipios seleccionados, catro por provincia. Entre eles estaba Pontedeume. Como valora o traballo feito nestes anos nese eido?
-Nin eu nin o meu grupo somos conformistas. Pódese mellorar moito nese terreo, pero houbo pasos importantes no que é o saneamento das augas residuais, a depuradora... Habería que actuar en temas forestais. Aquí consérvanse masas arboradas autóctonas importantes e habería que establecer algúns espazos ecolóxicos ben coidados, amplialos. A referencia son a entrada ás Fragas, a alameda, a xunqueira do Eume, a zona alta do Breamo -onde hai unha pequena aula da natureza- e a zona da ría, que conta cunha vexetación autóctona estupenda.
Algunhas especies adáptanse ao medio hostil para sobrevivir, outras perecen despois dun van intento para eludir o destino. Os humanos, máis experimentados nas técnicas de supervivencia e tamén de aniquilación, dispoñen de mellores condicións para lograr mutarse nun medio que lles resulta ameazador. Polo xeral, son os máis sensibeis os que peor se enfrontan aos golpes da vida e acaban sumidos nun estado de desesperación que lles impide sobrepoñerse; os faltos de sensibilidade son capaces de aturar friamente ata as desaparicións dos seus seres queridos e mesmo convivir cos rtesponsabeis das súas desgrazas.
Agras é un personaxe eumés sobre o que sería preciso estudar as súas vivencias dende un punto de vista sociolóxico. Foi capaz de adaptarse ao franquismo, defendendo a súa ideoloxía, e de sobrevivir na democracia, imbuído de certo progresismo contaxiado do partido que o aupou ao poder, o PSOE. Non é o único galego que se distinguíu por estas camaleónicas transformacións; Fraga é quizais o paradigma desta especie. Algo ten esta terra tan prolífica na crianza do rodaballo.
Pero se para algúns é motivo de estudo, para outros é unha pesada carga que nos fai pensar se o galego, ou o pontedeumés neste caso, é tan apático, tan conformista, tan conservador e tan incapaz de redirixir o rumbo da súa historia. Un misterio insondábel que nos permite sobrepoñernos aos avatares da vida e mirar para outro lado, esa pode ser a causa da nosa aceptación de individuos como Agras. Mesmo unha admiración por quen mellor reflicte a nosa pobre condición de galego condescendente.
Agras será, posiblemente, un representante municipal sobre o que pesará a capacidade de decidir as políticas que a todos nos afectarán. El decidirá, co seu pensamento caciquil e retrógrado, a liña a seguir. E será así aínda que goberne a esquerda. Outro misterio, o dos socilaistas e nacionalistas, capaces de pactar co diaño por conseguir figurar como goberno, como se este fose un mero título desprovisto de cualidades para gobernar.
Cremos que Agras debería ser retirado. Só así sería posíbel recuperar a confianza neste pobo, no Concello e na democracia.
Astano foi, no seu tempo, unha fonte importante de recursos para ferrolterra, Pontedeume incluido. A reconversión botou ao traste as espectativas dun futuro estábel e trouxo consigo unha grande involución económica na comarca. Os efectos sociais do paro e da precariedade laboral nunca foron tan acusados como entón.
Naquel intre as posicións dos sindicatos e partidos políticos estaban claras en canto á defensa da empresa dentro do sector público, o único capaz de asegurar unhas condicións dignas de traballo á marxe dos vaivéns da oferta e demanda.
Hoxe, despois de moito tempo de desgaste e escepticismo, as cousas non son tan claras para as forzas políticas; non así para os sindicatos que siguen a defender a empresa pública. O paradoxal da situación dao o BNG que a través do seu representante no congreso, Paco Rodríguez (UPG), se inclina pola privatización da empresa como forma de garantir unha carga de traballo para os seus traballadores.
Os que sempre crimos que o marxismo, doctrina da que se reclama a UPG, negaba non só a privatización senón a mesma existencia do sector privado nunha hipotética sociedade socialista, non damos creto ás palabras que este marxista reconvertido dirixíu no Congreso ao vicepresidente Pedro Solbes:
"O Estado Español, Galiza en particular, ten o dereito de privatizar, de ir ao libre mercado, de posibilitar a iniciativa privada." (Paco Rodríguez, dixit)
Xa uns días antes arremetera contra os sindicatos, en particular contra a CIG, por defender o carácter público dos asteleiros.
Parecidas alegacións fixo nun artigo xornalístico, o insigne Ramón Yáñez, tamén reconvertido traballador de Astano e hoxe profesor universitario, se ben a postura deste eumés non ten nada de equívoca en tanto nunca militou nun partido marxista. A chamada Esquerda Galega non pasou de ser un proxecto nacionalista moderado sen ningún asomo de incidencia na vida pública, nin privada, de Galiza.
A este paso a reconversión vai facer estragos na clase política afín ao nacionalismo. Os derroteiros que sigan son inescrutabeis e debémonos preparar para o peor. Aínda que en Pontedeume xa estamos curados de espanto
A Voz de Galicia publica que Demarcación de Costas en Galicia obrigou á Consellería de Educación a construír algo máis lonxe do mar o colexio Couceiro Freijomil de Pontedeume, que se atopa en obras, porque o edificio invadía zona de dominio público, informou o edil de Educación, Manuel Rei.
Esta exixencia de Costas non é nova e sen embargo non foi dada a coñecer ata hoxe. Ademais a imposición deste organismo obriga a retrasar máis os traballos do novo Couceiro Freixomil.
A falta dunha política transparente por parte dos nosos concelleiros parece ser unha enfermidade crónica en Pontedeume. En lugar de afrontar con decisión os traspés burocráticos, agochan a cabeza baixo a poltrona do Concello á espera de tempos mellores.
Podemos ter a seguridade que os nosos fillos van cursar os seus estudos nunhas condicións precarias durante moito tempo, algo máis do anunciado dende o principio, setembro do 2007.
Resaltamos aquí as palabras dunha educadora, que lonxe de exixir unha pronta solución ao problema, tenta calmar os ánimos dos pais e nais dicindo que as obras estarán rematadas no prazo previsto. Supoñemos que está "formándose" como a nova concelleira de ensino para as próximas eleccións.
Pero á marxe destas miserias personais, o grave, e que nos preocupa, é o abandono persistente do ensino público, un ensino que perde matrícula cada vez máis a favor do privado. Fartos os pais de ter que soportar tanta incompetencia das autoridades, optan por matricular aos seus filos onde, polo menos, se lles garante a continuidade no pupitre. Se o ano pasado había 34 alumnos de tres anos no Couceiro Freixomil, este curso só quedan 13. A quen haberá que pedir responsabilidades?
Algúns empresarios do ensino están que se frotan as mans.