Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

MORALISMO OU TRANSGRESIÓN

ascroas — 21-02-2007 GTM -1 @ 07:04


dolce-gabana.jpg

A primeira é unha imaxe publicitaria dunha coñecida marca de roupa. Nada máis publicarse, foi criticada polo Instituto da Muller e outras entidades, así como feministas. Segundo o organismo dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a imaxe incita á violencia contra as mulleres.


silvia-fernandez.jpg

A seguinte imaxe pertence a unha obra de arte exposta na pasada edición de ARCO.

Como se aprecia, hai motivos abondo para a polémica. Son pura fantasía? Son lícitas as fantasías? É violencia encuberta? Debería prohibirse? Equipáranos a crítica ás sociedades máis fundamentalistas? Ou estamos á marxe de falsas polémicas?

Invitámosvos a que participedes cos vosos comentarios aclarando as preguntas anteriores e outras que se poden plantexar. Como é realmente a nosa sociedade?



 

UNHA DESPEDIDA

ascroas — 18-02-2007 GTM -1 @ 23:28

11712888113772146_2.jpgA ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de estar nas Fragas do Eume acompañada de diversos políticos. Entre eles, Xaime Bello (BNG) e Ángel L. Sueiro (PSOE), alcalde de A Capela.

Quen non estaba era o alcalde de Pontedeume, Belarmino Freire. Este, xunto cos membros do goberno local, amosáronse doidos coa falta de consideración de quen non quixieron convidar ao noso excelso alcalde. Comprendemos o malestar dos nosos rexedores; todos sufrimos algunha vez ese "ninguneo" que os poderosos nos aplican para lembrar que existen distintas categorías de cidadáns. Non pretendemos discutir esta arrogancia tan necesaria para detentar o poder con certa distancia. Pode ser xusta e así debemos entendelo os que non coñecemos os vericuetos tan intricados da arte do goberno. Mais o alcalde é o alcalde. E se é de Pontedeume, o desplante é maior. Como dixeron os representantes dos grupos políticos, en Pontedeume está a entrada principal das Fragas do Eume, do que nós deducimos que é unha grande irresponsabilidade non contar coa presenza do Sr. Freire dado que este moi ben podería impedir o acceso ao parque.

De fontes oficiosas díxose que a razón de excluir ao actual alcalde de Pontedeume estaba na defenestración ao que os altos cargos do partido socialista o someteran pola mala xestión urbanística que practicou ao longo do seu mandato. Unha xestión que entenden pode abrir as portas do concello aos partidos da oposición.

Algúns gobernantes deixaron o poder cheos de consideración dos seus gobernados. Habelos, hailos. Aínda que non proliferen. Outros tiveron que facelo avergoñados e houbo mesmo quen perdeu a vida a mans dos súbditos que non atoparon mellor forma de resarcirse das penalidades sufridas. Pero esa foi outra época moi alonxada da actual. Hoxe calquer alcalde que se precie, se non busca unha prebenda material, quere retirarse coa estima e o recoñecemento dos veciños. Non é o caso do Sr. Freire que xa comeza a paladear o sensabor do desprezo por parte do seu propio partido. Non demostrou moita intelixencia ao darlle as costas ao electorado e aos compañeiros socialistas, apostando, nun farol errado, polas malas compañías, os empresarios, promotores, caciques e demais ralea. Xente con cartos pero denostada.

Diso se trata, da contraposición de dúas formas de entender a vida e a política: a apariencia ou os resultados, o protocolo ou o labor social, a arrogancia ou a humildade. Parece que o alcalde optou polo doado, descoñecendo que os compañeiros de viaxe que escolleu son dados a prescindir sen contemplacións dos que xa non lles resultan útiles. Sempre lle queda, emulando ao Sr. Aznar, a posibilidade de espallar a súa incomprensión en charlas sufragadas por calquer empresario da construción ou da impresión. Non se necesitan grandes coñecementos para divertir ao público; se non que llo pregunten ao presidente antes citado.

CUESTIÓN DE DIGNIDADE

ascroas — 14-02-2007 GTM -1 @ 19:00

badiavilato_.jpgSon moitos os comentarios aportados a esta bitácora dando datos concretos sobre a represión en Pontedeume a raíz da sublevación militar do 36. Hai un interese evidente en recuperar a memoria daqueles que deron a súa vida, o mellor que tiñan, en defensa dun sistema democrático chamado República; un sistema que estaba chamado a incorporar a este país á colectividade europea.

Que sexan tantas as aportacións que se fagan sobre este periodo da historia non é baladí. Non se debe a unha moda nin ao oportunismo. É un sentimento sincero que tenta devolver ás vítimas ao seu lugar na historia. Unha cuestión de dignidade por parte daqueles que nos sentimos obrigados cos que foron vilmente asasinados polos golpistas.

Foron varios os concellos que tiveron a honra de ofrecer homenaxes a aqueles que aínda son lembrados por todos nós e, sobre todo, polos seus familiares máis queridos. Faise ineludíbel que Pontedeume se sume a esa lista de concellos. Sen odio, pero sen medo. Pasaron máis de trinta anos da morte do ditador e parece que aínda estea vivo entre nós. Unha sociedade con estes temores non pode ser libre nin restituir a memoria dos nosos antepasados.

O PSOE, como partido que está a gobernar en Pontedeume, ten o deber de devolver ao presente aos que durante tanto tempo estiveron fóra das páxinas da historia oficial; os que fixeron posíbel unha concepción da sociedade que hoxe reclamamos como única válida. E non só por ser o partido que goberna, senón por que moitos dos fusilados foron militantes socilalistas. Por moito que mudasen os tempos, hai certas ideas que non perecen. Os ideais socialistas actuais teñen unha semente naqueles que padeceron a persecución, a morte e a ignominia.

Fraga, Perbes e o Chalé

ascroas — 11-02-2007 GTM -1 @ 23:07

galicia-hoxe.jpgO chalé que Fraga ten en Perbes dispón dunha vixiancia especial, segundo denuncia o diputado do BNG, Carlos Aymerich. Esta sobreprotección está integrada por seis axentes que deben velar pola integridade dunha construcion en primeira liña de costa. Non se sabe que pasaría se se lles dese por visitar o lugar os axentes do SEPRONA, que como se sabe, teñen a misión de denunciar as obras que se supoñen violentan a lei de ordenación do territorio, concretamente as que invaden zonas de protección costeira.  Non imaxinamos o desenlace  de producirse unha discusión entre os dous grupos de gardas.

Mais as reticencias do parlamentario nacionalista non ían no senso de provocar unha liorta entre corpos irmáns, senón nas repercusións que este despliegue de medios pode provocar na seguridade dos cidadáns, dado o escaso número de efectivos policiais. E isto é certo en todos os sentidos. En Pontedeume, hai escasas semanas, a policia local queixábase de non poder  poñer multas aos vehículos que aparcaban en zonas peonís. A razón: falta de medios humanos. Poden estar tranquilos, pois, os condutores. Non se lles multará por falta de policias de uniforme (están ensimismados en tarefas burocrátricas) e porque de facelo así, obrigaría aos responsabeis da salvagarda urbanística a denunciar á súa vez o chalé de Fraga.

O que non podemos é compartir a opinión do Sr. Aymerich segundo a cal faise precisa a contratación de vixiancia privada para a residencia do ex-presidente da Xunta. Isto pode dar alas ao Concello de Pontedeume para privatizar a ordenación do tráfico na vila, tendo en conta a febre privatizadora da que fai gala o noso concello nos últimos tempos.

Galicia Hoxe

O RETRASO DO COUCEIRO FREIXOMIL

ascroas — 09-02-2007 GTM -1 @ 16:29
piramides.jpgSexamos optimistas. É posíbel que o novo colexio estea operativo no curso 2008-09. A empresa adxudicataria admite a case imposibilidade de cumprir cos prazos previstos e alega na súa defensa os imprevistos que xurdiron, dende a paralización das obras polo decreto do Concello ata o obrigado retranqueo do edificio.
Manuel Rei, concelleiro de educación, pide serenidade aos pais, que temen un retraso demasiado longo e que obrigaría aos nenos a continuar aloxados noutras dependencias.
Non resulta doado comprender como as obras públicas necesitan un periodo tan grande para a súa realización cando as urbanizacións poden ser rematadas en curtos espazos de tempo. Non será polo esmerado empeño en facer as cousas ben, o que implicaría unha envidiábel arquitectura dos edificios públicos. Os exemplos demostran que isto non é así. O mesmo IES Breamo ten unhas manchas de humidade nas súas fachadas que cuestionan o saber do arquitecto director. A este paso imos ver como os políticos locais inauguran ao mesmo tempo o colexio, os almacéns, a lonxa e o edificio de actividades acuáticas. Un megaproxecto ao estilo da Cidade da Cultura pero con firma galega.
E falando de grandes proxectos, aos que son dados todos os representantes políticos, dende Fraga ata Touriño pasando por Belarmino ou Paco Vázquez, mencionar unha exposición que estes días ten lugar en Santiago sobre o mundo exipcio, unha monarquía que implantou esa moda das grandes construcións que perviven ata hoxe. Nela se contempla o interese narcisista dos faraóns para pervivir no tempo, un interese que vai máis aló das grandes construcións e ten un capítulo especial para a conservación do corpo. A momificación dos próceres podería ser o colofón ás obras do peirao.

GALEANO: Mexan por nós ...

ascroas — 03-02-2007 GTM -1 @ 09:31


Velaquí unha mostra das pegadas do galego no mundo.

A DINÁMICA A EXAME

ascroas — 31-01-2007 GTM -1 @ 15:39

2007-02-07_img_2007-01-31_012008__82-digital_loc-31012007.JPGOs pais dos alumnos do Couceiro Freixomil están preocupados e non lles faltan razóns. Dende que se demoleu o vello colexio as obras de construción do novo edificio non saen adiante. Como se sabe, a obra foi paralizada polo goberno local ao non dispor do preceptivo permiso de obras que Demarcación de Costas debería ter aprobado. O certo é que non se sabe se dito permiso xa foi concedido ou se denega por calquera razón que se nos escapa aos veciños. Algo ao que xa estamos afeitos dende hai moito tempo.

Porén o concelleiro Manuel Rei insiste en que as obras xa comezaron, algo que ninguén é capaz de ver por moito que se dea unha volta polas inmediacións do colexio. As probas que aporta este insigne concelleiro, que gustosamente trocaría o c polo s, son do máis científicas. En declaracións ao xornal La Opinión manifesta que el mesmo observou como operarios da empresa movían a guindastre, do cal se deduce que se hai movimento, hai obra.

Alegrémonos que  se apliquen con rigor os principios inequívocos da ciencia para entender a desconcertante situación do concello de Pontedeume. Que unha grúa se mova amais de ser motivo de ledicia, libéranos desa angustia propia de quen adiviña que os seus fillos van botar un ano máis en situación precaria. Propoñemos dende aquí que para calmar os ánimos deses pais preocupados teñan a ben xirar un pequeno ángulo a guindastre para que toda a veciñanza poda contemplar dende as súas casas que as obras marchan co ritmo adecuado.

IDIOSINCRASIA EUMESA

ascroas — 27-01-2007 GTM -1 @ 16:41

pontedeume.jpgOnte celebrouse unha charla en Pontedeume sobre os problemas do urbanismo. Non se pode negar que existen en Pontedeume, se non non sería posíbel a que se leva armado nos últimos meses coas denuncias de Fusquenlla. Volvendo á charla, a sala da Casa da Cultura estaba a rebosar, había xente de pé e o debate se prolongou por espazo de case tres horas. O interese era evidente, mais a grande maioría dos presentes eran foráneos; poucos eumeses.

Non se comprende moi ben este fenómeno se non é polo que xa diximos aquí hai uns meses e levantou ampollas nunha lectora. Daquela escribimos que os eumeses "adoptan posturas cerrís ante calquera elemento foráneo". Din que moitos dos organizadores do acto non teñen pedigrí eumés, que non coñecen a realidade de Pontedeume, que os mamotretos que eles ven non son máis que muiños de vento. Nós cremos que a destacados vilanchos con pedigrí lles ocorre o que a certos gordos que non son capaces de ver as plantas dos pés (por non mencionar outros atributos). Obesos de soberbia non distinguen a merda que carcome a súa vila, a nosa vila. Algún día chegaranos á boca. Mentres tanto ractificámonos nesta apreciación sobre a idiosincrasia dos nosos veciños ata que  apareza unha razón máis convincente.

GASODUTO POR PONTEDEUME

ascroas — 21-01-2007 GTM -1 @ 21:57

reganosa.jpegUn pouco tarde enteirámonos que por Pontedeume vai pasar un gasoduto que levará o gas dende a planta toxeira de Mugardos ata Meirama. A noticia aparece publicada no DOG do día 16 de marzo do 2006. Este gasoduto servirá para dotar de combustíbel ás futuras plantas de ciclos combinados de Meirama e Sabón, ademais de diversificar a subministración de gas natural, de importancia vital para o futuro de...Toxeiro e Cia.

O  tramo que afecta a Pontedeume virá de Cabanas e seguirá cara a Vilarmaior. Non sabemos o emprazamento exacto do seu percorrido pero, se se nos permite, podemos asesorar sobre esta cuestión.

Podemos establecer máis dun traxecto posíbel. Unha alternativa situaría a esta canalización por baixo do edificio de Caldagueiro. Outra posibilidade sería facer pasar o gasoduto polos baixos do hotel Eumesa.

Non é maldade senón pragmatismo. Cremos que non hai mal que por ben non veña e se algún día hai un accidente (que non desexamos)...



REPRESIÓN EN PONTEDEUME

ascroas — 17-01-2007 GTM -1 @ 23:35

reprresion-pontedeume.jpgAlgo se coñece da represión padecida en Pontedeume polos defensores da República, mesmo os nomes dos asasinos. Pero esta información permanece moitas veces nos arquivos dun despacho de calquer institución, lonxe do alcance dos que necesitamos saber o noso pasado. Desta barbarie non se librou ninguén que fose acusado de colaboración co sistema legalmente instituido. As mulleres non foron unha excepción. Se algunhas delas foron asasinadas, outras máis víronse torturadas ou denigradas polos represores fascistas.

Nunha grabación feita pola Universidade de Santiago, recóllese o testemuño dun eumés, barbeiro e músico, que foi obrigado a rapar ao cero o cabelo de moitas mulleres, entre elas a súa propia irmá.

Pasaron moitos anos e algúns empeñáronse en que estas historias fosen silenciadas. Hai que sacar do olvido a memoria daqueles e daquelas que sufriron o máis grande calvario que ser humano poida padecer.