Acaba de saír á luz un novo xornal na comarca do eume, Pegadas, baixo a dirección da asociación Euroeume. No seu limiar, que titula Unha esperanza no desenvolvemento da comarca, apunta que nace coa vocación de ser un instrumento para a idea, o debate e a reflexión. Pero máis adiante renega da confrontación, do debate político e da crítica gratuita. Volvemos ao de sempre, ás ensinanzas daquel vello ditador que renegaba da política para ser el o único que a practicase. Como se pode crear un lugar para o debate se nel non deixamos entrar a crítica? Estamos de novo defendendo ofrecer unha vision paradisíaca da comarca de cara aos visitantes? Non se pode negar que hai problemas e graves, e que o feito de ocultalos non axuda á súa resolución. Basta xa de autocomplacencia. A realidade exixe ser críticos e belixerantes. Non queremos información descafeinada; para iso xa temos a voz do seu amo. Negámonos a que se nos fale de amas de casa como se anuncia no devandito limiar; quen pode ter interese en perpetuar este estraño oficio? Ou que se reclame o amaño dunha fonte cando na outra esquina estase a levantar unha urbanización. Queremos palabras con sentido, cheas de vida, xerme de ideas. Non queremos palabras mutiladas.

Chúzao
del.icio.us
Deixar un Comentario