Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

arbore.jpgAgora podemos entender por que a Xunta tenta evitar que os nenos do Couceiro Freixomil non morran afogados ou, cando menos, non aborrezan os estudos. É unha forma doada e barata de previr os incendios forestais.

Expliquémolo. A consellaría de educación anunciou o pasado día 24 que os colexios de Galiza desenvolverán no 2007 un programa de educación ambiental para sensibilizar e concienciar ás novas xeracións da importancia de coidar o monte.

Anteriormente xa se levara a cabo unha iniciativa durante dous meses con alumnos de ESO e bacharelato de 14 centros galegos. Estes alumnos disfrutaron duns días de vacacións na illla de Arousa  e de Forcarei, onde aprenderon  " o que custa rexenerar un monte tras un incendio, para que no futuro o pensen antes de encender unha parrilla no campo", segundo explicou o director xeral da xuventude, que ao mesmo tempo amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos. Cabe deducir que estes rapaces non queimaron ningún monte ao rematar o curso. Medidas preventivas ou fallo na presunción de inocencia?. Non o sabemos pero este home non é consciente de que os montes non os queiman os que fan "pic-nic" senón os que agochan outros intereses máis espurios.

Todos os males teñen remedio no ensino, cren os superiores da Xunta;  porén os males son cada vez maiores. Ou o ensino falla ou a premisa é falsa. Nós cremos máis probábel esta última. O demostra o feito de que hai uns anos a mesma consellaría implantou a  formación contra o feismo urbanístico como materia transversal (?) dentro dos obxectivos a acadar. O resultado non pode ser máis pesimista: a desorde urbanística exténdese por todo o territorio. Por non falar da recomendada educación viaria que se estableceu para erradicar os accidentes automobilísticos e se demostrou inútil a tenor do elevado número de xoves mortos ou feridos nas estradas.

En fín, desexariamos, polo ben dos nosos fillos, non instaurasen máis medidas "correctoras" co ánimo de evitar outros males sociais. Non queremos campañas contra as drogas; o que queremos é que se vaia ao fondo do problema, a poñer baixo custodia aos traficantes, o mesmo que aos pirómanos, aos promotores inmobiliarios ou aos borrachos ao volante.

A relixión inventou a Deus para expiar os pecados dos homes. A consellaría de educación tamén traslada ao ensino a purgación dos males sociais.



 

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>