Son necesarias as referencias para non perder o norte, para distinguir entre o conveniente e o prexudicial. Ao igual que as utopías, que aínda conscientes de que hoxe o son, mañá serán realidades, hai que fomentalas para evitar que a vida se nos transforme nunha carga pesada cando deberíamos ser hedonistas no bo sentido do termo; naquel que nos leve a disfrutar da natureza, da sociedade, da cultura, do xantar e do folgar.
Na páxina do colectivo FUSQUENLLA faise un alegato a favor dun modelo de vila que teña ao individuo como protagonista esencial e a cuxo servizo a cidade debería estar. Un movimento que engloba a moitas cidades europeas e que busca un tipo de comunidade emprazada arredor de pequenas vilas nas que os cidadáns se sintan ao seu gusto, na que existan prazas para relacionarse, tendas á vella usanza, cafeterías acolledoras, teatros, cines, paisaxes, artesáns, recoñecemento das tradicións gastronómicas...
A nosa vila podería ser un deses modelos se os intereses e desidias dos eumeses non fosen por outros derroteiros. Temos prazas (sucias e mal coidadas), paisaxes (a punto de desaparecer), rúas típicas (noxentas), edificios con historia (que se caen a cachos), tradición gastronómica, cafeterías (que só serven para ver partidos de fútbol). É unha vila ben situada, tanto no que se refire ao entorno que a acolle como á proximidade doutras cidades importantes. Segue sendo tranquila a pesar do caótico tráfico que suporta.
Pero non é un modelo de vila e leva camiño de perder a súa personalidade. A procura dese modelo é unha exixencia moral. Non repectamos o medio ambiente, non buscamos infraestruturas nin medios de transporte ecolóxicos, non valoramos a necesidade da cultura como forma de acadar unha maior calidade de vida, expoliamos a nosa paisaxe...
Temos a posibilidade mais non temos a vontade.

Chúzao
del.icio.us
Deixar un Comentario