As novas dos xornais recollen que o novo Couceiro Freixomil abrirá o próximo curso. Quen afirma isto non é outro que o director xeral de Formación Profesional, Antonio Vázquez.
Este anunciou onte, en resposta a unha iniciativa do BNG, que o próximo curso escolar estarán operativas as novas instalacións do colexio Couceiro Freijomil. Lido sen atención pode pensarse que as promesas de que o novo colexio funcionaría nada máis comezar o curso escolar, se manteñen. Pero lendo con máis precisión, a frase do director xeral non aclara a que altura do curso se refire. Podería ser en setembro do 2007 (algo imposíbel dado o estado das obras) ou en xuño do 2008.
Para ser un bon político hai que manexar con destreza a linguaxe. Se algúns interpretaron que os rapaces poderían estrear o curso no novo colexio, é culpa deles por non saber ler. Non se pode menosprezar a capacidade dos homes de estado para poñer as cousas no seu sitio. O que hai que esixir aos pais dos alumnos é que fagan o esforzo de analisar correctamente os textos publicados.
Tamén recoñeceu o representante da Xunta que é preciso desviar o manantial que discorre por baixo das instalacións académicas. O que non quere dicir que sexa algo que se vaia facer, ou que, de facelo, se consiga. Xa se sabe o testadura que é a Natureza cando o home pretende dirixila "contra natura"
Preguntado o director xeral polos controis periódicos de seguridade que se ían efectuar nas obras do colexio, Vázquez asegurou que tanto o Concello como a comunidade escolar están pendentes de recibir os resultados. É dicir, que aínda non hai resultados e polo tanto non se pode afirmar que a seguridade exista.

Chúzao
del.icio.us
Deixar un Comentario