Dentro deste privilexiado clube de concellos que parecen non darse conta que os candidatos inmersos en presuntos, ou non tan presuntos, delitos urbanísticos deberían quedar fóra de xogo, atópase por mérito propio o concello de Pontedeume. Aquí tamén se presentou como candidato Manuel Rei, do BNG, a pesar de estar acusado pola fiscalía dun delito de prevaricación.
A diferencia cos citados anteriormente é que Rei non conseguíu aumentar o número de votos do seu partido, senón todo o contrario, deixando o goberno en mans da dereita local. Quizais non soubo tecer unha rede de influencias ao estilo de Fabra e compañía. Quizais non sexa máis que un advenedizo que non soubo interpretar a idiosincrasia eumesa, e pensou que lle ían recompensar a súa nefasta xestión. Quizais sexa un infiltrado que lle facilitou o traballo ao PP.
Sexan cales sexan as razóns, o certo é que Pontedeume xa está codeándose con Andratx, Alhaurín el Grande, ou coas Navas. No noso concello tamén temos acusados que repiten como concelleiros. E non saímos en xornais como El País que espallan os trapos sucios do PP. Esiximos ter unhas liñas que nos recoñezan o mérito de contar con presuntos prevaricadores no salón de plenos.
Claro que outros, aínda non acusados mais non máis inocentes que Rei, tamén repiten . Quizais cando se escriba a historia de Pontedeume será o momento de reclamar un privilexio que hoxe por hoxe é ignorado polos medios de comunicación.

Chúzao
del.icio.us
Deixar un Comentario