Vivimos nunha vila na que o tempo parece deterse, polo menos nalgunhas actividades. Dende que Einstein fíxonos saber que o tempo non transcorre por igual para todos, pasaron moitos anos e outras tantas demostracións dese principio. Os hostaleiros eumeses gozan dunha dobre cualidade. Se por unha banda son capaces de permanecer en estado de hibernación, por outra son os primeiros en adiantar aos colegas europeos. Compaxinar lentitude e prontitude non é doado para os que estamos afeitos a un determinado ritmo e evitamos as brusquedades. Non é o caso dos propietarios de bares e tabernas. Cando noutros lugares souberon intuir que a modernización dos locais era unha condición imprescindíbel para a boa marcha dos negocios, en Pontedeume optaron por non tocar os establecimentos, deixando que o propio peso das paredes ameazase con sepultar aos clientes. Pero tamén, cando as circunstancias o requeriron, souberon liderar os maiores progresos económicos. Acabamos de ler que en España, á cal pertence Pontedeume por dereito propio, os consumidores sufrimos os maiores incrementos nos prezos da hostalaría de toda Europa. E todo dende a incorporación ao euro. Raros privilexios estes que non colocan á cabeza da comunidade europea. Mentres en España o aumento alcanzou o 40% , en Alemaña, a do milagre económico, só foi dun 15%.
Non teremos as terrazas de París, nin os escusados suízos, pero somos os primeiros en incrementar os prezos.

Chúzao
del.icio.us
Deixar un Comentario